O BNG PEDIU, O PASADO 23 DE MAIO QUE ACLARASE CAL FOI O CUSTO DA PUBLICACIÓN QUE SE FIXO CHEGAR A TODOS AS CASAS DO CONCELLO
O PP oculta o que se gastou na revista que se distribuíu dende o concello con claros tintes partidistas
“Entendemos que transcorridos 20 días é tempo suficiente para que o alcalde aclare cantos cartos públicos gastou na súa revista” dixo Arroxo
Castro de Rei, 21 de xuño 2017. O BNG de Castro de Rei lembrou que o alcalde continúa ocultando información sobre o gasto realizado na edición da revista titulada Castro de Rei, número 1-Primavera 2017. O BNG pediu, o pasado 23 de maio que aclarase cal foi o custo da publicación que se fixo chegar a todos as casas do concello. “Entendemos que transcorridos 20 días é tempo suficiente para que o alcalde aclare cantos cartos públicos gastou na súa revista” dixo Arroxo.
A edil do BNG, Digna Lagarón, presentou un escrito reclamando información sobre cal foi o órgano do concello que decidiu a publicación desta revista e cal é o custe total da súa edición (redacción, deseño, maquetación e impresión) e da súa distribución a todas as vivendas do concello de Castro de Rei. Dende o BNG sinalaron que “a falta de resposta confirma que o PP ten algo que ocultar a respecto deste asunto”.
Lagarón anunciou que “ante o silencio e ocultismo do alcalde” presentará unha pregunta no pleno para que todas as veciñas e veciños de Castro de Rei poidan saber en que se gastan os fondos públicos dos que dispón o concello. Para o BNG trátase dunha mostra máis do autoritarismo do alcalde que “en ningún momento falou co resto da corporación sobre a posibilidade de facer unha publicación deste tipo” e da utilización de fondos públicos para “autobombo” do partido popular no concello de Castro de Rei.