OLALLA RODIL PRESENTOU UNHA PROPOSICIÓN NA COMISIÓN DE CULTURA
O PP rexeita actuar nos fornos da Tinería
Lugo, 06 de setembro 2019. O BNG defendeu no Parlamento, a través dunha Proposición non de lei na Comisión de Cultura, que a Xunta reiniciase os traballos de recuperación e posta en valor dos restos arqueolóxicos romanos atopados na UI-7 do barrio da Tinería.
“O Partido Popular insiste no seu abandono do barrio da Tinería e da cidade de Lugo”, sinalou a deputada do BNG, Olalla Rodil, quen destacou o “inmenso valor patrimonial” que existe na Tinería e reclamou a recuperación e posta en valor dos restos arqueolóxicos achados na UI-7.
“A Tinería leva unha década abandonada polo Partido Popular e boa mostradiso é o estado no que se atopan os fornos e demais restos arqueolóxicos atopados nela”, afirmou a nacionalista. Actualmente o predio no que se atoparon ademáis dos fornos romanos, dúas portas ocultas da Muralla e unha rampa de acceso ao adarve atópase valado cun peche metálico en un estado de conservación pésimo malia se atopar a carón dun ben como a Muralla declarado Patrimonio da Humanidade.
“De todas as promesas da Xunta coa Tinería o único que quedan en pé son as silveiras sen rozar”, denunciou a deputada nacionalista, “como se pode ver nos fornos e no Pazo de Dona Urraca”.
Rodil lembrou que a Tinería“é o corazón do casco histórico de Lugo e debe ser motor de desenvolvemento social e económico para a cidade”. Por esta razón, urxiu a Xunta a “recuperar o proxecto de rehabitación e rehabilitación desenvolto polo BNG durante o Goberno bipartito que o Partido Popular paralizou durante anos”.