O SAN FROILÁN MIÚDO CONTARÁ CON 12 ACTUACIÓNS PARA NENAS E NENOS

O San Froilán 2019 aumenta o número de concertos en escenario a 49

Maite Ferreiro: “o protagonismo desta edición da gran festa do outono galego recaerá nos grupos de Lugo, cun total de 50 actuacións”

O San Froilán 2019 aumenta o número de concertos en escenario a 49

Lugo, 06 de setembro de 2019. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, anunciou tras a Comisión de Festas de hoxe os primeiros datos desta edición do San Froilán. Segundo Maite Ferreiro, nesta edición aumentarase o número de concertos en escenario de 34 no ano 2018 a 49, con propostas nacionais e internacionais e tocando todos os estilos musicais, algúns dos cales serán en exclusiva para Galiza. Ademais, para algúns dos grupos será a primeira vez que toquen na nosa terra.

                           

En concreto, Maite Ferreiro indicou que na Horta do Seminario haberá un total de 6 grandes concertos, xunto con outros 27 na praza de Santa María. “Ademais haberá outros 16 concertos noutros emprazamentos” anunciou Maite Ferreiro, que engadiu “o protagonismo desta edición da gran festa do outono galego recaerá nos grupos de Lugo, cun total de 50 actuacións”.

 

“Haberá tamén 4 concertos de bandas, ademais de charangas e animacións de rúa”, indicou Maite Ferreiro, quen tamén anunciou que este ano o San Froilán Miúdo contará con 12 actuacións para nenas e nenos.

 

Maite Ferreiro confirmou tamén catro concertos desta edición. Unha das bandas anunciadas hoxe para a praza do Seminario contará coa participación de solistas de grupos como Inhumanos, Javier Gurruchaga da Orquesta Mondragón, a Miguel Costas de Siniestro Total e Aerolíneas Federales, a Bernardo de Los Refrescos, Cómplices e Iguana Tango

Maite Ferreiro anunciou tamén a actuación da cantante SÉS, tamén na praza do Seminario, abrindo as festas o día 4,  e dos grupo MASTODONTE, liderado por Asier Etxeandia e das galegas TANXUGUEIRA en Santa María. A edil de cultura anunciou que nos vindeiros días se dará conta do resto de grupos e artistas que encherán Lugo de festa durante o San Froilán 2019.

Pregón e ofrenda a Rosalía de Castro

Maite Ferreiro anunciou tamén que a comisión de festas nomeou aos Pelúdez como pregoeiros e a María Reimóndez como oferente a Rosalía. Segundo Maite Ferreiro, “os Pelúdez son xa un símbolo tanto das festas como de Lugo, e este ano quixemos que fosen eles os encargados de dar comezo ao San Froilán”.

A escritora luguesa María Reimóndez será a encargada da ofrenda da Rosalía de Castro que terá lugar o 6 de outubro. María Reimóndez naceu en Lugo no ano 1975 e é tradutora e intérprete. Como escritora, cultiva tanto a narrativa e a poesía como o ensaio e o teatro.

O San Froilán 2019 aumenta o número de concertos en escenario a 49