A OFICINA MUNICIPAL DE TURISMO XUNTO CO “BOCA A BOCA” SON AS PRINCIPAIS VÍAS DE COÑECEMENTO DO CENTRO

Máis de 6000 persoas visitaron o Vello Cárcere durante este verán

Maite Ferreiro animou a toda a veciñanza de Lugo a que visite as instalacións culturais

Máis de 6000 persoas visitaron o Vello Cárcere durante este verán

Lugo, 05 de setembro de 2019. Segundo os datos que facilitou no día de hoxe a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, un total de 6151 persoas visitaron O Vello Cárcere durante os meses de verán. Os datos publicados indican tamén que a Oficina Municipal de Turismo, xunto co “boca a boca” son as principais vías de coñecemento do centro. Maite Ferreiro indicou que “estamos a traballar para facer do Vello Cárcere un centro de referencia da programación cultural da cidade, e xunto co MIHL e o auditorio municipal, ter unha programación cultural que sexa do interese de toda a veciñanza de Lugo”.

 Maite Ferreiro recordou que no Vello Cárcere se poden visitar dúas exposicións permanentes, “O Vello Cárcere da Guerra á Posguerra”, sobre os presos políticos da Guerra Civil e da Posguerra, e “Elas”, exposición da investigadora Aurora Marco que reivindica a presenza da muller galega en diferentes ámbitos. A maiores, poden visitarse tres exposicións temporais, “Serie Amarilla”, exposición pictórica do artista ourensán Xaime Quessada, onde narra as guerras que aconteceron nos derradeiros anos da súa vida, “Bernarda Espida”, de Xavier Costa, serie escultórica composta por 51 pezas esculpidas en pedra, madeira e ferro, que se amosan acompañadas por 51 gravados en augaforte que son o relato pictórico da historia desta heroína, e “#eiquíagora”, exposición de obras pictóricas e debuxos de Maximiliano López, onde o artista emprega diferentes técnicas.

Maite Ferreiro animou a toda a veciñanza de Lugo a que visite as distintas exposicións e actividades programadas no vello cárcere e no resto de instalacións municipais, “e que poidan valorar a riqueza cultural e patrimonial do noso concello”.

Máis de 6000 persoas visitaron o Vello Cárcere durante este verán