O PROGRAMA CONSISTIRÁ EN 3 CONCERTOS QUE SE REALIZARÁN NA CAPELA DE SANTA MARÍA
As áreas de Cultura do Concello e da Deputación organizan “O que Queda de Verán na Capela”
A entrada será libre até completar o aforo
Lugo, 04 de setembro de 2019. A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, e deputada provincial de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística, Maite Ferreiro, xunto co deputado provincial de Deportes, Artesanía e Deseño e Memoria Histórica, Efrén Castro, presentaron no día de hoxe “O que Queda de Verán na Capela”, programa de concertos para todos os públicos nas tardes dos venres ás 20:30 na Capela de Santa María, con entrada libre até completar aforo. Segundo Maite Ferreiro “son tres concertos diferentes porque cremos a oferta cultural das institucións ten que ir dirixidas a todos os públicos”.
“O que Queda de Verán na Capela” comezará este venres, 6 de setembro, co concerto do Dúo Fracanapa & As Sonoridades do Tango. Este dúo, integrado pola violinista alemá Susanne Hofmann e o bandoneoista arxentino Matías González, interpretará un repertorio centrado nos grandes compositores da música rioplatense, desde Carlos Gardel ata a obra vangardista de Astor Piazolla. Coa música de tango como eixo principal interprétanse outras “delicatesens” como pezas barrocas de Bach, jazz de Charlie Parker ou os ritmos brasileiros de Egberto Gismonti, fusionando estes cun colorido estilo particular.
O 13 de setembro será a quenda de Ensemble Hottetrre, grupo que prentende dar a coñecer as innovacións que realizou Jacques-M. Hottererre, músico da corte de Luís XIV e Luís XV de Francia, no mundo da música de cámara. Este músico foi un dos máximos representantes do uso da gaita de fol na chamada “música erudita”.
“O que Queda de Verán na Capela” remata o venres 20 de setembro co concerto de Raiceira, proxecto de folk galego que destaca pola súa orixinalidade e personalidade. Estas dúas lucenses parten de melodías da nosa tradición popular e reinterprétanas mesturando as influencias doutros estilos, instrumentacións e aprendizaxes. Deste xeito, un instrumento como o violonchelo, asociado normalmente á música clásica, mestúrase coa voz, percusión de man e gaita, nun repertorio que respecta as características propias da orixe xeográfica e o carácter feminino das melodías, transmitidas por mulleres de xeración en xeración.