TAMÉN A SUBDELEGADA DO GOBERNO EN LUGO ANUNCIOU QUE ESTA PROPOSTA SERÁ TRATADA NA COMISIÓN PROVINCIAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

A proposta de creación dun Xulgado Específico de Violencia de Xénero, recibe o respaldo da Audiencia Provincial de Lugo

O presidente da Audiencia comunicoulle, a Maite Ferreiro, que trasladará a proposta á Comisión Mixta Xunta-Estado competente para decidir

A proposta de creación dun Xulgado Específico de Violencia de Xénero, recibe o respaldo da Audiencia Provincial de Lugo

Lugo, 27 de marzo de 2019. Maite Ferreiro agradeceu o apoio do presidente da Audiencia Provincial en relación á proposta de creación dun Xulgado Específico de  Violencia de Xénero para Lugo. Segundo Maite Ferreiro “é moi importante que esta sexa unha proposta da sociedade lucense e non dunha formación política” e engadiu “queremos agradecer a resposta positiva do Presidente da Audiencia Provincial por que sabemos que é fundamental para conquerir este obxectivo”. Ferreiro lembrou, tamén, o apoio recibido dende o Consello Galego da Avogacía e dende o Colexio de Avogados de Lugo á proposta.

O presidente da Audiencia comunicoulle, a Maite Ferreiro, que trasladará a proposta á Comisión Mixta Xunta-Estado competente para decidir sobre a creación deste xulgado. Varela Agrelo manifesta, na carta enviada á edil do BNG, que comparte a iniciativa de creación deste xulgado específico para Lugo. Maite Ferreiro trasladara un escrito a diversas institucións e estamentos que forman parte da Comisión Provincial de Violencia de Xénero solicitando apoio para esta proposta.

Tamén a Subdelegada do Goberno en Lugo anunciou que esta proposta será tratada na Comisión Provincial contra a Violencia de Xénero. A través dunha carta dirixida a Maite Ferreiro, a Subdelegada do Goberno avanzou que incluirá este asunto na Comisión Provincial de Violencia de Xénero. “Estamos satisfeitas co apoio destas institucións e imos seguir traballando a pé de rúa e nas institucións para que as mulleres de Lugo avancemos cara un mundo máis igualitario”.

A proposta de creación dun Xulgado Específico de Violencia de Xénero, recibe o respaldo da Audiencia Provincial de Lugo