REURBANIZOUSE A RÚA E RENOVOUSE O SANEAMENTO E O ALUMEADO PÚBLICO
Rematan as obras da rúa Torre de Doncos
As obras contaron cun orzamento de máis de 170.000€
Lugo, 02 de setembro de 2019. O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, visitou xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, no día de hoxe a rúa Torre de Doncos, no barrio das Gándaras, onde nos vindeiros días rematarán as obras de reurbanización que se levaron a cabo durante as últimas semanas. Segundo Alexandre Penas “debido ao mal estado no que se atopaba esta rúa, foi necesaria a reurbanización da rúa e a renovación do saneamento e do alumeado público”.
Segundo Penas, “só falta realizar, durante o día de hoxe, as probas da nova iluminación”. As obras, que contaron cun orzamento de máis de 170.000€, consistiron na renovación da rede de abastecemento e saneamento, ademais de pavimentar a estrada e as aceras, que se aumentaron de tamaño. O alumeado público foi completamente renovado coa instalación de 5 novas farolas.
Con esta intervención, o concello de Lugo e a Área de Infraestruturas garanten as boas condicións de distintos servizos públicos e melloran a calidade de vida e o benestar da veciñanza da contorna e da cidadanía. Para a área de Infraestruturas, os barrios periféricos teñen que ter as atencións necesarias.