O BNG IMPULSARÁ UNHA NOVA LEI GELGA DE CONTRATACIÓN DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS QEU BUSCARÁ "GARANTIR O PLENO RESPECTO DOS DEREITOS LABORAIS CON CLÁUSULAS SOCIAIS"
Rodil anuncia un novo marco de contratación da Xunta de Galiza "que garanta que as administracións non sexan precarizadoras cos traballos esenciais"
A candidata por Lugo visitou ás traballadoras do sector da limpeza, en folga durante máis de 100 días "por un convenio digno"
"Estas traballadoras esenciais encárganse da limpeza da residencia de maiores das Gándaras ou de centros escolares cobrando menos do SMI", afirmou Olalla Rodil
O BNG impulsará unha nova Lei Galega de Contratación das Administracións Públicas qeu buscará "garantir o pleno respecto dos dereitos laborais con cláusulas sociais"
Lugo, 08 de febreiro de 2024. A cabeza de lista do BNG, Olalla Rodil, visitou esta mañá ás traballadoras do sector da limpeza, que levan máis de 100 días en folga reclamando unhas condicións de traballo dignas a través dun novo convenio. Rodil trasladou o apoio e o recoñecemento do BNG "a unhas mulleres que son esenciais, encárganse da limpeza de instalacións como a residencia de maiores das Gándaras ou os centros escolares, e seguen cobrando menos do SMI", afirmou a candidata do BNG, que engadiu "é preciso garantir unhas condicións de traballo dignas para un sector esencial como é a limpeza".
Rodil anunciou que o BNG desde a presidencia da Xunta de Galiza impulsará unha nova Lei galega de contratación das administracións públicas que terá como obxectivo favorecer as contratacións de pequenas e medianas empresas con capacidade innovadora e de xeración de emprego estábel. "Trátase de acabar co práctico monopolio das grandes construtoras e fornecedoras de servizos madrileñas na realización de obras públicas e prestación de servizos na Galiza e, ao tempo, garantir o pleno respecto polos dereitos laborais", explicou Olalla Rodil, que engadiu "reduciranse na medida do posíbel os contratos a empresas externas de servizos que pode prestar directamente a administración pública cos seus propios recursos".
A cabeza de lista do BNG explicou que unha das medidas máis importantes será a introducción de cláusulas sociais e con perspectiva de xénero. "Estas cláusulas deben servir para crear emprego, mais tamén para garantir que as persoas que traballan nas empresas contratistas teñen unhas condicións laborais óptimas", declarou Rodil. O BNG aposta por unha contratación pública que sexa estratéxica e responsábel para acadar obxectivos sociais, éticos e ambientais. Mediante a contratación dos servizos públicos da Xunta de Galiza utilizaranse todas as posibilidades legais para a fomento dos contratos reservados para iniciativas de carácter social e sen ánimo de lucro.
Rodil chamou a concentrar o voto na papeleta do BNG, "a única forza que poderá gobernar Galiza coas mans libres", afirmou. Olalla Rodil destacou que o BNG "ten proxecto para Galiza, e ten un equipo preparado para darlle a este país o cambio que merece tras 15 anos de abandono por parte do PP, cunha presidenta á que ninguén lle dirá até onde pode chegar na defensa dos intereses dos galegos e galegas.".