Rubén Arroxo e Alexandre Penas reúnense coa veciñanza da rúa Carril dos Loureiros
Arroxo: “buscamos o consenso da veciñanza da zona para continuar coa mellora integral do barrio de Recatelo”
O Tenente Alcalde e o Concelleiro de Infraestruturas continuarán a escoitar as reclamacións da veciñanza da zona
Lugo, 20 de setembro de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, mantiveron unha xuntanza con veciñas e veciños da rúa Carril dos Loureiros, onde recolleron as opinións das persoas que residen na zona para, segundo declarou o Tenente Alcalde “avanzar mellora integral do barrio de Recatelo, tendo en conta as necesidades que nos acheguen as veciñas e veciños que residen na zona”.
Rubén Arroxo e Alexandre Penas continuarán a reunirse coa veciñanza nas vindeiras semanas, “buscando que as actuacións que se executen nesta rúa no futuro saian dun proceso no que se escoite a toda a veciñanza”.
Para Rubén Arroxo, "Recatelo está a converterse nunha importante zona de paseo, entre o centro e o Parque de Rosalía, ao mesmo tempo que melloramos os servizos e a calidade de vida da veciñanza", e a rúa Carril dos Loureiros “é a única rúa da zona que sigue pendente de mellorar”.
"Desde o goberno municipal seguimos traballando nunha cidade na que os peóns sexan o centro da mobilidade", afirmou Rubén Arroxo, que destacou as diversas medidas postas en marcha para este fin "como a realización de pasos de peóns elevados ou as distintas peonalizacións que se están a levar a cabo e a proxectar".