O AUDITORIO PODERÁ VISITARSE O 7 E 8 DE FEBREIRO E O 14, 15, 28 E 29 DE MARZO, ONDE AS PERSOAS VISITANTES PODERÁN COÑECER PARTES NON ACCESIBLES AO PÚBLICO EN XERAL
Rubén Arroxo anuncia visitas guiadas ao Auditorio Fuxan os Ventos
"A veciñanza terá 6 datas para coñecer o interior desta instalación", explicou o Tenente Alcalde
O auditorio poderá visitarse o 7 e 8 de febreiro e o 14, 15, 28 e 29 de marzo, onde as persoas visitantes poderán coñecer partes non accesibles ao público en xeral
Lugo, 15 de xaneiro de 2025. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que a veciñanza poderá visitar as instalacións do auditorio Fuxan os Ventos. Rubén Arroxo explicou que "abrimos as portas desta instalación para permitir que todas e todos os lucenses que o desexen poidan coñecer as instalacións deste edificio, visitando as partes que habitualmente non se poden ver".
A Tenencia de Alcaldía organiza 6 visitas guiadas a esta instalación, que terán lugar o 7 de febreiro (20:00), 8 de febreiro (12.30), 14 de marzo (20:00), 15 de marzo (12.30), 28 de marzo (20:00) e 29 de marzo (12.30). Cada unha das visitas terá a cabida limitada a 20 persoas. Para reservar praza, será preciso enviar un correo a [email protected] ou chamar ao 982 297 350 en horario de 8:30 a 15:00 de luns a venres.
Ao anotarse será preciso deixar un teléfono de contacto. A área de Cultura contactará nos días previos a cada visita para confirmar asistencia e, no caso de quedar prazas libres, cubrilas coas persoas anotadas na lista de agarda.