O CANDIDATO DO BNG Á ALCALDÍA PRESENTOU O PROXECTO NA INTERSECCIÓN DO CAMIÑO REAL COA RÚA MAZAIRA E A RÚA MAR CANTÁBRICO
Rubén Arroxo anunciou a prolongación da segunda ronda entre o Camiño Real e a Fonte dos Ranchos
“Este sería un dos pasos necesarios para darlle unidireccionalidade á Av. da Coruña, avanzaremos nesta reorganización urbanística da cidade” dixo Arroxo
Lugo, 4 de maio de 2019. Rubén Arroxo presentou o plan de reorganización urbanística para abrir ao tráfico un dos tramos necesarios para darlle continuidade á segunda ronda. “Xa no Plan Xeral do ano 1969 se contemplaba o trazado da segunda ronda para rodear a cidade e a día de hoxe aínda non está desenvolta na súa totalidade” dixo Rubén Arroxo e explicou “a segundo ronda foise desenvolvendo na zona do Carme, en Fingoi e incluso en Fontiñas pero quedou paralizada entre a o Camiño Real e a Fonte dos Ranchos por que non chegaron a desenvolverse as unidades de actuación previstas nesta zona”. Arroxo presentou unha proposta para acometer as obras e rematar a segunda ronda.
Un dos obxectivos do remate da segunda ronda, segundo o candidato do BNG á alcaldía de Lugo, sería “dirixir o tráfico de toda a zona norte que circula cara o sur da cidade a través desta vía para desconxestionar outras rúas máis céntricas e con menor capacidade para absorber tal cantidade de vehículos”. “Este sería un dos pasos necesarios para darlle unidireccionalidade á Av. da Coruña, avanzaremos nesta reorganización urbanística da cidade” afirmou Arroxo que presentou este como un dos proxectos estrela “para gobernar Lugo a partir do vindeiro 26 de maior”.
Arroxo sinalou “a necesidade de avanzar nun proxecto de cidade de futuro, non podemos ter paralizado un dos maiores viais da cidade por falta de decisión política” e amosouse “disposto a liderar un goberno para darlle un xiro de cento oitenta graos á mobilidade nesta cidade”. O candidato do BNG á alcaldía presentou o proxecto na intersección do Camiño Real coa rúa Mazaira e a rúa Mar Cantábrico e estivo acompañado de integrantes da candidatura e de militantes e simpatizantes do BNG.