O ALCALDE EN FUNCIÓNS ANUNCIOU QUE O GOBERNO MARCARÁ COMO PRIORIDADE "A APROBACIÓN DEFINITIVA DOS ORZAMENTOS COMO CHAVE PARA REACTIVAR PROXECTOS CLAVE PARA A CIDADE"

Rubén Arroxo confirma o Pleno de investidura para o 11 de marzo


O Alcalde en Funcións anunciou que o goberno marcará como prioridade "a aprobación definitiva dos orzamentos como chave para reactivar proxectos clave para a cidade"

Arroxo parabenizou a Miguel Fernández pola súa escolla como futuro Alcalde de Lugo

Rubén Arroxo confirma o Pleno de investidura para o 11 de marzo



Lugo, 06 de marzo de 2025. O Alcalde en Funcións do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou hoxe en rolda de prensa que o pleno de investidura para elixir ao novo alcalde da cidade terá lugar o próximo martes, 11 de marzo. A sesión, que será convocada nas próximas horas, está prevista para as 12 da mañá, malia que por cuestións administrativas aínda non foi confirmada.

Arroxo destacou "a axilidade" coa que o PSdeG resolveu a situación tras o falecemento de Paula Alvarellos, "nun momento moi complicado conseguiron resolver esta situación en tempo récord", sinalou.

De cara ao novo período que comezará o martes, Arroxo destacou como prioridade principal "a aprobación definitiva dos orzamentos municipais, a ferramenta que nos permite garantir que o Concello siga funcionando ao longo do ano". Arroxo destacou as prioridades do goberno, "proxectos que estaban xa na parrilla de saída e que coa volta á normalidade retomaremos ata completalos". Algúns destes proxectos son a ordenanza de Terrazas, "a primeira normativa en Lugo que regulará estas instalacións, que está prácticamente pechada" e a organización do tráfico do casco histórico, unha vez se aproxima o final das obras, "o que fai necesario pechar os itinerarios de circulación definitivos".

Sobre a organización da Tenencia de Alcaldía, xestionada polas 5 concelleiras e concelleiros do BNG, Arroxo confirmou que se manterán as mesmas responsabilidades que ata agora, con Rubén Arroxo a cargo da área de Mobilidade e Infraestruturas, Maite Ferreiro en Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Alexandre Penas como concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Cristina López a cargo da área de Participación e Servizos á Veciñanza e Iria Buide á fronte da Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento.

Rubén Arroxo destacou "a boa relación persoal" que mantivo con Miguel Fernández ao longo dos últimos. Arroxo destacou isto como algo "clave para garantir o bo funcionamento do goberno local", e afirmou que "máis aló dos cambios que haberá no goberno debido á reestructuración do grupo do PSdeG, imos manter unha política continuísta baseada no pacto asinado entre as dúas forzas que conformamos o goberno".

Rubén Arroxo confirma o Pleno de investidura para o 11 de marzo