REALIZARANSE CATRO NOVOS PASOS ELEVADOS NA RONDA DAS FONTIÑAS, RÚA MAZAIRA, RÚA CURROS ENRÍQUEZ E RÚA AFONSO X O SABIO
Rubén Arroxo: "Continuamos atendendo as demandas veciñais e os pasos de peóns elevados son unha prioridade"
O Tenente Alcalde informou que o calmado do tráfico é unha prioridade en toda a cidade
Realizaranse catro novos pasos elevados na Ronda das Fontiñas, Rúa Mazaira, Rúa Curros Enríquez e Rúa Afonso X o Sabio
Lugo, 6 de xuño do 2024. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou a instalación de catro novos pasos elevados en tramos da cidade "onde as velocidades dos vehículos soen ser elevadas, e se rexistra unha accidentalidade superior en relación aos peóns", seguindo o recomendado pola Rede de Carreteiras. As novas actuacións realizaranse na Ronda das Fontiñas e nas rúas Mazaira, Curros Enríquez e Afonso X o Sabio, continuando co traballo feito noutros barrios e distintas zonas da cidade, como entornos escolares e puntos conflitivos.
Unha proposta común a todos os pasos peonís, explicou Arroxo, "é a sobreelevación dos mesmos, mellorando deste xeito a seguridade dos peóns, xa que se reduce notablemente a velocidade dos vehículos, e incluso o peón dispón dunha plataforma física a distinto nivel ca o resto da calzada". En todos os casos, insiste o Tenente de Alcalde, dispoñeranse sinais para avisar ao conductor dun paso peonil sobreelevado e evitar movementos bruscos ou posibles danos.
No caso da Ronda das Fontiñas 29, disporase un paso de peóns elevado na ubicación do paso existente; mentres que nas rúas Mazaira 12, Curros Enríquez 11 e Afonso X o Sabio (xunto á Facultade de Ciencias), se disporá dun paso de peóns elevado en todo o ancho da calzada. O proxecto conta cun total de 48.399,84 € de orzamento.
Rubén Arroxo destacou "a importancia das actuacións de calmado de tráfico, que viñemos executando nas zonas escolares, e que agora expandimos a novas zonas da cidade". O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas sinalou que "buscamos un tráfico calmado, aumentando a seguridade da veciñanza de toda a cidade".