AS CASAS DAS LINGUAS OFERTAN CURSOS DE GALEGO, PORTUGUÉS, INGLÉS, FRANCÉS, ALEMÁN E LINGUAXE DE SIGNOS
Maite Ferreiro anuncia a apertura do período de matrícula nas Casas das Linguas municipais para o curso 2024-25
As Casas das Linguas ofertan cursos de galego, portugués, inglés, francés, alemán e linguaxe de signos
Os horarios das aulas e os formularios para inscribirse nos distintos cursos poden atoparse no blog das casas das linguas
Lugo, 06 de xuño de 2024. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que vén de abrir o período de inscrición nas casas das linguas para o curso 2024-25. O período de inscricións e estenderase ata o vindeiro día 21 de xuño para as dúas Casas das Linguas municipais.
As persoas que desexen anotarse a algún dos cursos ofertados (galego, portugués, inglés, francés, alemán e linguaxe de signos) deberán presentar a documentación necesaria: fotocopia do DI, folla de inscrición, fotografía de tamaño carné e xustificante de pago de taxas para os maiores de 14 anos, ademais da autorización familiar e fotocopia do DI do pai, nai ou titor legal no caso das menores de idade. Cada grupo contará con 20 prazas para adultos e 15 prazas para nenas e nenos.
Entre o 27 de xuño e o 8 de xullo terá lugar o prazo de formalización de matrícula, unha vez publicadas as listaxes de admisión aos cursos, e en caso de quedar prazas vacantes, realizarase un novo procedemento entre o 20 de agosto e o 3 de setembro. As clases darán comezo o 11 de setembro e rematarán o 20 de xuño de 2025. Pode consultarse máis información no blog das casas das linguas municipais.