RUBÉN ARROXO: "CONTINUAMOS ATENDENDO ÁS ZONAS PERIURBANAS CUNHA NOVA INTERVENCIÓN NA QUE RENOVAREMOS O ASFALTO E HABILITAREMOS BEIRARRÚAS"
Rubén Arroxo e Alexandre Penas reúnense coa veciñanza da Garaballa
Os edís presentaron o proxecto de mellora dos viais públicos do barrio ás veciñas e veciños da zona
Rubén Arroxo: "Continuamos atendendo ás zonas periurbanas cunha nova intervención na que renovaremos o asfalto e habilitaremos beirarrúas"
Lugo, 07 de xuño de 2024. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, mantivo unha xuntanza con veciñas e veciños da Garaballa para amosar os traballos a executar pola concellería nos vindeiros meses. Arroxo conversou coa veciñanza e trasladou o proxecto elaborado pola Tenencia de Alcaldía, que permitirá "mellorar os accesos ao barrio desde a avenida Infanta Elena e o vial principal do barrio, creando tamén novas beirarrúas para os peóns".
Rubén Arroxo destacou "o esofrzo" que a Tenencia de Alcaldía realiza para atender ás distintas zonas periurbanas de Lugo, e explicou que "barrios como as Gándaras ou galegos recibiron nestes anos unha serie de investimentos importantes que melloraron enormemente a calidade de vida da veciñanza, con actuacións tanto nas rúas e beirarrúas como renovando o alumeado público". Segundo Rubén Arroxo, "seguimos traballando para actuar en todos os barrios e vías da cidade, tanto con actuacións pequenas como eliminación de baches ou renovación de treitos de beirarrúa, como actuacións integrais como a que plantexamos na Garaballa".
O edil de Infraestruturas animou ás veciñas e veciños de Lugo a facer chegar as súas reclamacións ao Concello, e destacou que estas reclamacións, "xunto coas visitas que realizamos periodicamente aos barrios, permítennos planificar mellor as prioridades e o traballo a realizar".