DENDE O 3 AO 9 DE XUÑO CELÉBRANSE UNHAS XORNADAS PARA CELEBRAR A CREACIÓN POLA UNESCO DO CONSELLO INTERNACIONAL DE ARQUIVOS
A área de Participación do Concello de Lugo celebra a Semana Internacional dos Arquivos
Dende o 3 ao 9 de xuño celébranse unhas xornadas para celebrar a creación pola UNESCO do Consello Internacional de Arquivos
Cristina López: “Son a memoria viva dos pobos e o garante dos seus dereitos, constituíndo a pegada dos nosos devanceiros e a testemuña das súas accións ao longo do tempo”
Lugo, 5 de xuño de 2024. A área de Participación do Concello de Lugo organiza dende o 3 ao 9 de xuño unhas xornadas para celebrar o aniversario da creación do Consello Internacional de Arquivos pola UNESCO, datada no 9 de xuño de 1948. Segundo a concelleira responsable, Cristina López, a principal finalidade para levalo adiante foi “promover a xestión e o uso eficiente e eficaz de documentos, arquivos e datos en todos os formatos e a súa preservación como patrimonio cultural e testemuñal da humanidade, a través da cooperación internacional, para compartir experiencias e investigacións”.
Por iso, dende o ano 2007, a data elixida para conmemorar o Día Internacional dos Arquivos é o 9 de xuño. Cristina López explicou que esta celebración “prolóngase dende hai algúns anos durante toda unha semana na que as e os arquivistas aproveitan para pór en valor o seu labor e o fundamental que resulta para a cidadanía”.
A concelleira de Participación insistiu en que os arquivos “son a memoria viva dos pobos e o garante dos seus dereitos”, polo que a documentación que as persoas profesionais custodian non só serve de mostra de transparencia e do acceso á información, senón que tamén constitúe a pegada dos nosos devanceiros, a testemuña das súas accións ao longo do tempo, remarcou López.
Cristina López tamén destacou a importancia do Arquivo Municipal de Lugo, que custodia, trata e serve a documentación producida e/ou recibida polo Concello de Lugo ao longo do tempo, durante todo o seu ciclo de vida. “Trátase dun rico fondo documental que arranca no século XIV e que actualmente está custodiado en dous arquivos distintos, xa que a parte máis histórica se atopa no Arquivo Histórico Provincial de Lugo en depósito mentres que a máis contemporánea se ubica no propio Arquivo Municipal”, concluíu a edil.
Información sobre o Arquivo Municipal de Lugo
Na web do Arquivo Municipal de Lugo [https://concellodelugo.gal/