O GOBERNO DO PARTIDO POPULAR DIXO HAI DOUS ANOS, EN XULLO DE 2022, QUE A SEGUNDA FASE DO DESDOBRAMENTO DO CORREDOR SERÍA POSTO A INFORMACIÓN PÚBLICA A MEDIADOS DE 2023 E QUE A LICITACIÓN SAIRÍA A FINAIS DESE ANO
Olalla Rodil: "Levamos 20 anos escoitando falar do desdobramento do corredor de Lugo ata Monforte"
O Goberno do Partido Popular dixo hai dous anos, en xullo de 2022, que a segunda fase do desdobramento do corredor sería posto a información pública a mediados de 2023 e que a licitación sairía a finais dese ano
Lugo, 5 de xuño de 2024. A Deputada no Parlamento Galego, Olalla Rodil, falou sobre a visita a Lugo do presidente da Xunta e do desdobramento do corredor de Monforte a Lugo "nada diso aconteceu e hoxe veñen dicir por todo o alto que o Partido Popular non cumpre, non cumpre con Lugo nin con Monforte nin con todas as vilas que acceden a esta infraestrutura". Rodil salientou que "levamos 20 anos escoitando falar da construción dunha autovía que una a cidade de Lugo, desde Nadela, con Monforte. É máis, case poderíamos asfaltar ese tramo coas follas de xornais que se levan escrito sobre a autovía desde que foi anunciada en 2004".
A día de hoxe, o único do que dispón a veciñanza das nosas comarcas son 11 quilómetros de autovía entre as vilas da Pobra de San Xiao e Sarria. "Todo o demais son propaganda e incumprimentos" afirmou a vicevoceira do BNG. Lugo padece desde hai décadas un déficit nas súas infraestruturas tanto ferroviarias como por estrada. É evidente que esta falta de comunicacións está lastrando o desenvolvemento social e económico da nosa cidade e do conxunto da provincia. 2Desde o BNG trasladamos ao Goberno do Partido Popular na Xunta que faga menos propaganda e cumpra con Lugo con feitos, non con anuncios, para que a cidadanía do centro e sur da provincia poida contar canto antes con esta infraestrutura da que se fala desde hai 20 anos", asegurou Olalla Rodil.
Neste sentido, a deputada nacionalista subliñou diversos proxectos que a Xunta non está rematar nin destinar os suficientes recursos "temos o Porto Seco de Monforte, que leva máis de dez anos enchéndose de silvas, o desdobramento do corredor entre Lugo e Monforte". Rodil lembrou que estes proxectos foron anunciados nos derradeiros anos mais sen executarse "incumprimento tras incumprimento sen mover un só papel en todo este tempo, esa é a credibilidade do Partido Popular con Lugo, as mesmas promesas de sempre que nunca se cumpren".