Rubén Arroxo denuncia as ameazas de morte recibidas nas redes sociais
O Tenente Alcalde trasladou aos servizos xurídicos do Concello as distintas mensaxes emitidas para estudar as distintas medidas legais a executar
Arroxo: “alimentar o odio sempre é perigoso, a historia amósanos que moita xente foi agredida ou incluso asasinada por iso”
Lugo, 14 de xullo de 2021. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, presentou unha denuncia ante as distintas ameazas de morte escritas no perfil dun cargo público nas redes sociais durante a tarde de onte. “Non imos consentir que por unha cuestión ideolóxica se nos ameace”, explicou Rubén Arroxo, que denunciou os feitos ante a policía “para que a xustiza faga o seu traballo e actúe contra este tipo de discursos”
Arroxo explicou que non se trata da primeira vez que recibe ameazas deste tipo, de feito, a comezos deste ano, denunciou nas redes sociais a aparición de pintadas ameazantes nas rúas da cidade.
As ameazas, nesta ocasión, chegaron a través de comentarios no perfil dunha rede social correspondente a un concelleiro do Partido Popular. Este concelleiro mantivo un tono elevado contra os membros do goberno municipal en diferentes ocasións.
O Tenente Alcalde de Lugo trasladou tamén as mensaxes aos servizos xurídicos do Concello de Lugo e do BNG para estudar todas as posíbeis medidas legais a executar ante este tipo de ameazas.