Rubén Arroxo: “desde o BNG continuaremos a traballar para que Lugo conte cuns servizos ferroviarios dignos”
O portavoz do BNG compartiu as propostas de resolución rexistradas por Néstor Rego no Congreso dos Deputados
Entre as propostas presentadas figuran a mellora da liña ferroviaria Lugo-A Coruña e a creación dun servizo de cercanías ferroviarias para o territorio galego
Lugo, 14 de xullo de 2022. O Portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, compartiu as propostas de resolución rexistradas polo deputado Néstor Rego no Congreso dos deputados referentes ás melloras na rede ferroviaria de Lugo. Arroxo explicou que “Lugo é a cidade peor conectada por tren de Galiza, e as propostas de resolución que impulsamos desde o BNG buscan que o goberno do estado se comprometa a mellorar a rede e as conexións ferroviarias”.
O BNG defende o ferrocarril como o medio de transporte do futuro, apostando pola transición enerxética e a mobilidade sostible, para o que reclama do goberno central a posta en marcha dunha mellora das infraestruturas ferroviarias da Galiza, especialmente nas liñas Lugo – A Coruña, A Coruña – Ferrol, Ferrol – Ribadeo e Vigo – Tui, xunto coa posta en marcha dun servizo de cercanías ferroviarias na Galiza.
Xunto con isto, o BNG reclama un plan de mellora dos servizos ferroviarios que se están a prestar actualmente, co obxectivo de modernizar as liñas convencionais e ofertar un tren competitivo, con tempos de viaxe máis curtos, e máis frecuencias e servizos, que permitan a conectividade territorial en tren na Galiza. “Non ten sentido que despois da chegada do AVE, leve menos tempo chegar de Ourense a Madrid en tren que de Lugo á Coruña, unha viaxe que en coche se fai nunha hora”, explicou Rubén Arroxo.