APROBOUSE A MODIFICACIÓN DO REGULAMENTO DO CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL, "QUE LEVABA VIXENTE DESDE O ANO 1997 E PRECISABA UNHA ACTUALIZACIÓN"

Rubén Arroxo deu conta das iniciativas aprobadas na Xunta de Goberno de hoxe

Ante as preguntas dos medios de comunicación, Rubén Arroxo afirmou que o Concello de Lugo traballa para que o colexio Fingoi 2 conte con comedor para o vindeiro curso "aceptando a proposta como unha solución provisional, a Xunta ten que facer a obra para ampliar as instalacións e habilitar un comedor no propio centro"
 
Rubén Arroxo deu conta das iniciativas aprobadas na Xunta de Goberno de hoxe

Lugo, 20 de agosto de 2025. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, deu conta dos temas aprobados na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe para as áreas da Tenencia de Alcaldía, entre os que se atopan procedementos das áreas de Educación, Participación e Infraestruturas.

Arroxo anunciou a aprobación inicial da modificación do regulamento do Consello Escolar Municipal, un regulamento que, segundo destacou Arroxo, "data do ano 1997 e require de certas actualizacións, reclamadas pola comunidade educativa, para mellorar o funcionamento do organismo". Esta aprobación inicial permitirá dar comezo ao proceso de modificación do regulamento, que xa foi aprobado no último Consello Escolar Municipal e que agora pasará por un período de exposición pública e debate en pleno.

Entre os cambios máis salientables destacan a redución do tempo da segunda convocatoria de reunións, que pasa dunha hora a 30 minutos ou a modificación da representatividade no organismo, que pasa a ter dous representantes de primaria e dous de infantil fronte a dous de primaria e un de infantil que había ata agora. Ademais, simplifícase o procedemento de votación e da elección de representantes do alumnado, tras detectarse complicacións no funcionamento anterior.

Arroxo anunciou tamén que se aprobou a concesión dunha subvención nominativa na área de Participación e Servizos á Veciñanza, concedida á  Asociación Lucense de Futbolín pola organización do Campionato de España celebrado recentemente na Praza de Abastos cun valor de 3.500€.

Por último, aprobouse unha corrección menor no prego de cláusulas administrativas da reurbanización do Carril das Flores. "Trátase dun cambio menor na clasificación recollida do vial, detectado unha vez aprobada a licitación na Xunta de Goberno da semana pasada", explicou Arroxo.

Situación do comedor do Colexio Fingoi 2
En resposta ás preguntas dos medios de comunicación, Rubén Arroxo anunciou que as distintas áreas municipais  de Educación e Urbanismo están traballando para facilitar unha solución provisional para o comedor escolar deste centro.

Arroxo afirmou que "non se pode aceptar como solución definitiva a instalación dun galpón, que unicamente podería servir de medida temporal", e afirmou que "a Xunta ten que dar unha solución definitiva, ben ampliando o edificio actual ou ben construíndo novas instalacións, mesmo por alturas, de maneira que se dispoña dun comedor escolar estable e en condicións axeitadas".

 

Rubén Arroxo deu conta das iniciativas aprobadas na Xunta de Goberno de hoxe