ARROXO: “ESTE TIPO DE SITUACIÓNS SON CONSECUENCIA DE PAGAR COMIDAS PARA AMIGOS E NON FACER INVESTIMENTOS NOS COLEXIOS DEPENDENTES DA XUNTA DE GALIZA”

Rubén Arroxo insta á Xunta a actuar con urxencia tras o derrubamento do teito no CEIP As Mercedes

Arroxo: “Este tipo de situacións son consecuencia de pagar comidas para amigos e non facer investimentos nos colexios dependentes da Xunta de Galiza”

A XGL aprobou a licitación da obra de rexeneración do firme da rúa da Agricultura, así como das bases da convocatoria de subvencións dirixidas ás ANPAS

Rubén Arroxo insta á Xunta a actuar con urxencia tras o derrubamento do teito no CEIP As Mercedes

 

Lugo, 11 de xuño de 2025. O Tenente de Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, amosou esta mañá a súa “fonda preocupación” tras o derrubamento dun tramo do teito no CEIP As Mercedes. A incidencia, producida fóra do horario lectivo, non causou danos persoais, mais volve poñer sobre a mesa o deterioro das infraestruturas educativas na cidade.

“Queremos amosar a nosa preocupación polo estado no que se atopa o CEIP das Mercedes”, afirmou Arroxo, quen destacou que “nas últimas horas produciuse un derrubamento parcial dun teito, un feito que pon de manifesto o mal estado das instalacións”.

O Tenente Alcalde lembrou que “desde o Concello de Lugo levamos anos reclamando á Xunta de Galiza un plan de mantemento e rehabilitación dos centros educativos da cidade, que son da súa competencia”, e advertiu que “este tipo de situacións son consecuencia directa da falta de investimentos en materia educativa por parte da administración, que prefire pagar comidas para amigos".

Arroxo sinalou ademais que a maior parte dos centros escolares da cidade presentan un grave déficit en materia de accesibilidade, o que supón unha barreira para o alumnado e profesorado con mobilidade reducida. “A Xunta mantén sen adaptar moitos destes espazos, e nin sequera acomete melloras tan básicas como a actualización dos baños para ser plenamente seguros, accesibles e inclusivos”, indicou.

O Tenente de Alcalde foi contundente á hora de esixir unha resposta inmediata: “É preciso actuar con urxencia para garantir a seguridade do alumnado e do persoal docente. Non se pode seguir permitindo que os centros educativos públicos sufran este tipo de deterioros que poñan en perigo ás persoas usuarias”.

Desde a área de Educación, o goberno municipal comprométese a seguir traballando para que a Xunta asuma as súas obrigas e actúe con axilidade ante calquera situación que poida comprometer a seguridade e da comunidade educativa. “Imos seguir esixindo unha solución inmediata e definitiva”, concluíu Arroxo.

 

Aprobacións na Xunta de Goberno Local

O Tenente de Alcalde informou dos asuntos aprobados esta mañá na Xunta de Goberno Local. Entre eles, destacou a licitación da obra de rexeneración do firme da rúa da Agricultura, no polígono industrial do Ceao. Trátase dunha vía cun importante volume de tránsito e actividade empresarial, que será repavimentada cun orzamento de saída de 181.458,39 € e cun prazo de execución previsto de 13 semanas.

Así mesmo, aprobáronse as bases da convocatoria de subvencións dirixidas ás ANPAS dos centros educativos sostidos con fondos públicos do Concello de Lugo para o ano 2025. A convocatoria contará cunha partida total de 10.000 €, cun máximo de 2.000 € por ANPA, e estará destinada á realización de actividades formativas ou culturais. O prazo de presentación abrirase no mes de setembro. Arroxo salientou que estas axudas están dispoñibles tanto para centros públicos como concertados.

Rubén Arroxo insta á Xunta a actuar con urxencia tras o derrubamento do teito no CEIP As Mercedes