Rubén Arroxo e Maite Ferreiro informan á veciñanza de Bosende sobre a Rolda Leste

Arroxo: “se este proxecto continúa sen modificacións, implicará unha enorme destrucción de terreo natural na contorna do Río Rato”

O trazado actual que presentou a Xunta foi cuestionado por diversos colectivos e asociacións xa que non ten en conta a repercusión sobre o paseo do Rato.

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro informan á veciñanza de Bosende sobre a Rolda Leste

Lugo, 02 de febreiro de 2023. O candidato do BNG á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, xunto con Maite Ferreiro, mantiveron unha xuntanza con veciñas e veciños de Bosende para informar sobre as afectacións que terá na zona o actual proxecto Rolda Leste. Arroxo explicou que “este proxecto suporá na contorna do río Rato a destrucción de máis dun kilómetro de terreo”, e engadiu “sería impensable hoxe repetir o debate de hai 100 anos sobre derrubar a muralla, pero é algo similar ao que a Rolda Leste suporá para o río Rato e para Bosende”.

"Estamos mantendo xuntanzas con diversos colectivos que nos expresan a súa preocupación" manifestou o voceiro do BNG e engadiu "o debate está aberto e temos claro que a necesidade deste vial é moi relativa". A Rolda Leste afectará aproximadamente a 1 km de carballeiras no entorno do río Rato, o que suporá unha afectación severa á periferia da cidade de Lugo.

A Xunta pretende a construción deste vial con 2,8 km entre a LU-530 e a N-VI. Esta infraestrutura, que contará con dúas calzadas de dous carrís, con mediana de separación entre eles e importantes estruturas na execución do seu percorrido, afectará ás carballeiras do río Rato e tamén á parroquia de Bosende. Preténdese pechar un cinto de circunvalación de Lugo que, en moitos casos, duplicará os actuais  accesos cara ao hospital Lucus Augusti. O obxectivo é aprobar na primavera de 2023 o expediente de información pública e o proxecto de trazado, convocar no outono os actos expropiatorios, e ao tempo traballar no proxecto de construcción para, finalmente, proceder á licitación das obras da Rolda Leste.

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro informan á veciñanza de Bosende sobre a Rolda Leste