O CIRCO UBICARASE NA AVENIDA DOS DEPORTES, E TERÁ UNHA FUNCIÓN DIARIA OS VENRES E SÁBADOS, E DÚAS OS DOUS DOMINGOS DA SÚA ITINERANCIA EN LUGO

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentan o Circo de Pinocho, que estará en Lugo entre o 14 e o 23 de febreiro

O Circo ubicarase na avenida dos Deportes, e terá unha función diaria os venres e sábados, e dúas os dous domingos da súa itinerancia en Lugo

Maite Ferreiro: "Seguimos a promocionar a nosa lingua cunha nova actividade celebrada integramente en galego"

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentan o Circo de Pinocho, que estará en Lugo entre o 14 e o 23 de febreiro

 

 

 

Lugo, 11 de febreiro de 2025. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron o Circo de Pinocho xunto con integrantes de Educateatro Produccións. O circo chega a Lugo dentro da súa itinerancia por toda Galiza cunha actividade "integramente en galego, promocionando a nosa lingua entre a veciñanza", explicou  Maite Ferreiro. 

O Circo de Pinocho ubicarase no aparcadoiro da Avenida dos Deportes, e terá en total 8 funcións entre o 14 e o 23 de febreiro. O espectáculo, que se celebra integramente en galego, ten unha duración de 2 horas, cun intermedio de 15 minutos. Ferreiro animou á veciñanza "a asistir a este circo e apostar pola cultura e polo lecer en galego".

O Circo de Pinocho é o novo espectáculo de Educateatro Producións. Unha montaxe creada unicamente para representarse en carpa que combina o teatro musical cunha escolma dos números máis clásicos do circo.

Despois de que a Fada Mimadriña convertese a Pinocho nun neno de verdade, o noso protagonista cumpre o seu soño e monta o Circo de Pinocho. Geppeto será o pallaso, a Fada a trapecista e Pepiño Grilo o mestre de cerimonias, pero... faltan o resto de artistas! Geppeto construirá os bonecos que realizarán números de corda frouxa, equilibristas, malabarista, acróbatas... e a Fada Mimadriña daralles vida co seu conxuro. 

Co que non contaba ninguén é que este mesmo feitizo fará que Pinocho se transforme de novo nun boneco de madeira.

Durante o fantástico espectáculo de circo, Pinocho e Pepiño Grilo terán que atopar á Fada para reverter o conxuro, pero non aparece por ningures. Raptouna a malvada Chinche Chinchón, que está reclutando artistas para o circo da competencia.

Poderán os protagonistas liberala para que Pinocho volva ser un neno de verdade?

EducaTeatro Producións é unha empresa cultural dedicada á produción, distribución e promoción de espectáculos infantís e familiares.

A música, a lingua e a diversión son os piares fundamentais dos nosos traballos, cos que pretendemos fomentar a educación en valores e contribuír a unha aprendizaxe signicativa.

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentan o Circo de Pinocho, que estará en Lugo entre o 14 e o 23 de febreiro