IRIA CASTRO: " A XUNTA DE GALIZA ESTÁ CREANDO UNHA SANIDADE DE SEGUNDA PARA AS PERSOAS DO RURAL "
O BNG denuncia a falta de atención pediátrica nos concellos de Castroverde, Baleira e A Fonsagrada

Iria Castro: " A Xunta de Galiza está creando unha sanidade de segunda para as persoas do rural "
Lugo, 11 de Febreiro de 2025.- O BNG denuncia que os concellos da Fonsagrada, Baleira e Castroverde quedan sen servizo de pediatría febreiro e marzo. "O luns 10 de febreiro as familias destes tres concellos descubriron que non podían pedir cita en pediatría nin en febreiro nin marzo", denuncia Iria Castro concelleira en Castroverde, e derívanas ou ó médico de cabeceira ou directamente ó PAC do Sagrado Corazón.
Esta non é a primeira vez que pasa, en xaneiro, coincidindo coas vacacións de Nadal, tampouco houbo servizo de pediatría durante 2 semanas e o SERGAS leva anos sen cubrir vacacións ou baixas. As alternativas que se propoñen ás familias non son válidas: en primeiro lugar un médico de cabeceira non é un especialista en crianzas e en segundo lugar, estase obrigando a algunhas familias a desprazarse ata 60 km para chegar ó PAC e derivar ás nenas e nenos de 3 concellos ó servizo de pediatría do Sagrado Corazón, sobrecarga un centro de saúde que xa ten moitos usuarios.
"Esta situación evidencia a falta de planificación e recursos, a insuficiencia de persoal, un problema persistente que afecta á calidade xeral dos servizos sanitarios", explica a concelleira nacionalista. A falta de pediatras é só a punta do iceberg nun sistema de saúde que opera ao límite. A escaseza de recursos humanos non é un fenómeno illado, senón unha realidade constante na que os servizos de saúde traballan con persoal insuficiente para atender á poboación.
"Dende o BNG denunciamos que a Xunta de Galiza está creando unha sanidade de segunda para as persoas do rural e esiximos que se cubran tanto as baixas como as vacacións" esixe Castro. Merecemos unha sanidade pública e de calidade independentemente de onde vivamos.