RUBÉN ARROXO: "LEVAMOS MESES TRABALLANDO EN REMATAR A RENOVACIÓN DE RECATELO CUN PROXECTO QUE AVANCE NA CREACIÓN DE NOVOS PUNTOS VERDES E A INSTALACIÓN DE NOVO ALUMEADO DE BAIXO CONSUMO"

Rubén Arroxo reúnese con veciñas e veciños do Carril dos Loureiros, rúa que completa a peonalización do barrio de Recatelo


Rubén Arroxo: "Levamos meses traballando en rematar a renovación de Recatelo cun proxecto que avance na creación de novos puntos verdes e a instalación de novo alumeado de baixo consumo"

O Tenente Alcalde e o edil de Infraestruturas mantiveron hoxe unha xuntanza máis coas veciñas e veciños do barrio,  "traballando co consenso das veciñas e veciños da zona"

Rubén Arroxo reúnese con veciñas e veciños do Carril dos Loureiros, rúa que completa a peonalización do barrio de Recatelo




Lugo, 10 de febreiro de 2025. O Tenente Alcalde e concelleiro responsábel de Mobilidade, Rubén Arroxo, reuniuse hoxe con veciñas e veciños do Carril dos Loureiros, un proxecto que a Tenencia de Alcaldía está a levar adiante co obxectivo de "avanzar na mellora do barrio de Recatelo despois de peonalizar practicamente todas as súas rúas", explicou Rubén Arroxo. O Tenente Alcalde lembrou que esta é unha xuntanza máis "ás múltiples xa realizadas durante a fase de elaboración do proxecto, realizadas co obxectivo de atender ás necesidades da xente que reside na zona para crear un novo espazo útil".

O proxecto elaborado pola área de Mobilidade contempla a conversión desta rúa nunha plataforma única de preferencia peonil, mantendo o acceso a vehículos a baixa velocidade para residentes e carga e descarga. A renovación da rúa inclúe tamén a renovación dos servizos soterrados, como o abastecemento ou o saneamento, e a creación de novas zonas verdes para, segundo explicou Rubén Arroxo, "facilitar que haxa zonas de sombra ao longo da rúa que permitan desfrutar da zona de paseo en xornadas de calor". Ademais, o Goberno de Lugo avanzará na instalación de alumeado LED, "garantindo un alumeado de baixo consumo e uniforme en toda a rúa", explicou o Tenente Alcalde.

Rubén Arroxo afirmou que "con esta actuación, Recatelo consolídase como unha importante zona de paseo entre o centro e o Parque de Rosalía, ao mesmo tempo que melloramos os servizos e a calidade de vida da veciñanza", e destacou o modelo do Carril dos Loureiros como "un exemplo de participación cidadá". A Tenencia de Alcaldía inviste 367.346,38€, nuns traballos adxudicados a Construcciones Sanle SA.

Rubén Arroxo reúnese con veciñas e veciños do Carril dos Loureiros, rúa que completa a peonalización do barrio de Recatelo