ARROXO: "CONTINUAMOS COA ACTIVIDADE NESTE ESPAZO ACOLLENDO OS ENSAIOS DO CONCERTO DE ANINOVO DA FILARMÓNICA"
Rubén Arroxo e Maite Ferreiro visitan o auditorio Fuxan os Ventos, onde a Banda Filarmónica está a realizar ensaios para o cocnerto de aninovo
Arroxo: "Continuamos coa actividade neste espazo acollendo os ensaios do concerto de Aninovo da Filarmónica"
O concerto terá lugar o vindeiro 3 de xaneiro no Auditorio Gustavo Freire baixo o título "Volven os 80´s"
Lugo, 26 de decembro de 2024. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado pola concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitaron o auditorio Fuxan os Ventos, que está a acoller os ensaios do concerto de aninovo da Banda Filarmónica de Lugo.
Arroxo afirmou que "seguimos a traballar para que esta nova dotación cultural conte con programación continuada, igual que temos no auditorio municipal Gustavo Freire", e lembrou que "o tecido cultural local será unha peza moi relevante da programación do auditorio Fuxan os Ventos". Arroxo destacou os ensaios da Banda Filarmónica como "o primeiro paso para conseguir que este auditorio teña ás agrupacións culturais de Lugo como referentes".
O concerto de aninovo da Banda Filarmónica de Lugo terá lugar o vindeiro 3 de xaneiro, a partir das 20:00 no auditorio Gustavo Freire, baixo o título "Volven os 80's". A entrada será gratuíta, pero será preciso retirar invitación a través do portal entradaslugo.es ou presencialmente na oficina de turismo. Arroxo lembrou que este concerto forma parte da "intensa programación" organizada pola Tenencia de Alcaldía para o Nadal, que conta con múltiples actividades nas distintas dotacións culturais da cidade e en espazos alternativos como a Praza de Abastos ou o Mercado Municipal.