ESTA INTERVENCIÓN COMPLETA A CREACIÓN DUNHA ZONA DE PASEO ACCESIBLE ENTRE O BARRIO DE RECATELO E O PARQUE DE ROSALÍA
Avanza a renovación do muro de Frai Plácido Rei Lemos, onde remataron as restricións ao tráfico rodado
O Goberno de Lugo renova o asfalto da contorna do Muro, cuxa reconstrucción está próxima a rematar
Esta intervención completa a creación dunha zona de paseo accesible entre o barrio de Recatelo e o Parque de Rosalía
Lugo, 27 de decembro de 2024. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas visitaron a rúa Frai Plácido Rei Lemos, onde o avance das obras permite recuperar o sentido do tráfico habitual, rematando coas restriccións á circulación das últimas semanas nas rúas Pascual Veiga e Cidade de Viveiro. Arroxo anunciou que "estamos un paso máis preto de ter este muro completamente rematado e de ter unha comunicación totalmente accesible entre Recatelo e o Parque de Rosalía".
Os traballos de reconstrucción do muro, iniciados no mes de xullo, están próximos a rematar, creando unha conexión do barrio de Recatelo co Parque sen barreiras arquitectónicas, avanzando nunha cidade máis accesible para todas e todos. A reconstrucción busca mellorar a integración paisaxística do muro, eliminando a barreira arquitectónica que supoñía a solución anterior deste muro, e avanzando no respecto polo entorno, ao tratarse dunha zona con amplo valor patrimonial pola influencia do Parque de Rosalía.
A finais de 2022, o Goberno de Lugo procedeu a apuntalar despois de que os servizos técnicos do Concello de Lugo revisaran o desgaste da infraestrutura durante máis de 15 anos, e comezouse a elaboración dun proxecto de renovación integral deste muro. "Decidiuse que era o momento de actuar antes de que o deterioro do muro continuase", lembrou Rubén Arroxo, que engadiu "coa reconstrucción integral desta estrutura aplicamos un gran número de melloras con respecto ao estado anterior desta zona".