MIGUEL VIEITO, CONCELLEIRO EN OUTEIRO DE REI: "O EQUIPO DE GOBERNO DO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI NON CONSIDERA A SITUACIÓN DO GALEGO COMO PREOCUPANTE, NIN COMO URXENTE, A PESARES DE TERMOS DATOS DEMOLEDORES SOBRE O USO DA NOSA LINGUA"

O Alcalde de Outeiro de Rei veta, por quinta vez, o debate sobre unha moción do BNG sobre a promoción do uso do galego

Miguel Vieito, concelleiro en Outeiro de Rei: "O equipo de goberno do Concello de Outeiro de Rei non considera a situación do galego como preocupante, nin como urxente, a pesares de termos datos demoledores sobre o uso da nosa lingua"

O Alcalde de Outeiro de Rei veta, por quinta vez, o debate sobre unha moción do BNG sobre a promoción do uso do galego




 

 

 

Outeiro de Rei, 29 de decembro de 2024. O Bloque Nacionalista Galego de Outeiro de Rei presentou no pleno do pasado 26 de decembro, e xa por quinta vez, unha moción para tomar medidas para o fomento, promoción e visibilización da lingua galega.

A moción, que foi presentada tanto de xeito ordinario como extraordinario, foi bloqueada xa en cinco ocasións polo equipo de goberno, que nin sequera permita abordar as medidas propostas.

Tanto a Lei de normalización lingüística (de 1983), como a Lei da Administración Local de Galiza (de 1997) recoñecen á lingua galega como a lingua propia do país, ao tempo que obrigan ás Administracións Locais non só ao seu uso, senón tamén á súa promoción.

Por isto dende o BNG se presentou xa a finais do ano pasado unha moción para instar ao equipo de goberno a que o Concello de Outeiro de Rei tomase medidas como: sumarse á Asociación de Entidades Locais pola lingua galega (Alingua) da que forman parte numerosos Concellos, tamén do Partido Popular.

Tamén se propuña poñer en marcha en Outeiro iniciativas de "Restauración da memoria lingüística de Galicia", que son actividades impulsadas dende a propia Xunta de Galicia, en colaboración coa Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.

Por último, e dado que o Concello é beneficiario de subvencións en tal sentido, instábase a crear un posto estábel de técnicx de normalización lingüística.

"Todo isto non se nos permitiu debater en pleno pois para o Sr. Alcalde e o seu equipo, a situación do galego non é urxente. En Pleno afirmou que estamos moito mellor que na ditadura e non dubidou en realizar afirmacións falaces como que se a rapazada non quere falar galego non podemos facer nada" - explicou Miguel Vieito. "Trátase de posicionamentos totalmente impropios dun Alcalde, obrigado a defender e promocionar a nosa lingua, guste ou non guste desa obriga".

O concelleiro nacionalista afirmou "Dun tempo a esta parte tamén vemos como en Outeiro o Concello emprega rotulación en castelán, realizar e envía escritos en castelán e comunica internamente en castelán; de novo, vulnerando a Lei e os usos e costumes do propio Concello, nunha deriva castelanizante que empeza a ser evidente".

"Dende o Bng de Outeiro consideramos que a lingua é un elemento de riqueza e cultura que ten que vertebrar a acción municipal", expuxo Vieito.

"Dende o BNG entendemos que o galego necesita o apoio, a colaboración e o impulso de todos e todas; sen fisuras de todas as forzas políticas, o que hoxe en día non sucede en Outeiro de Rei", concluíu.

O Alcalde de Outeiro de Rei veta, por quinta vez, o debate sobre unha moción do BNG sobre a promoción do uso do galego