A ÁREA DE CULTURA ORGANIZA 30 ACTIVIDADES CULTURAIS CON CONTIDOS PARA DIVERSOS PÚBLICOS QUE TERÁN LUGAR ENTRE O 12 DE XANEIRO E O 18 DE MAIO

Este domingo comeza a programación teatral do Auditorio Gustavo Freire

Maite Ferreiro animou "a descubrir e desfrutar do teatro con esta programación ampla e de calidade"

A área de Cultura organiza 30 actividades culturais con contidos para diversos públicos que terán lugar entre o 12 de xaneiro e o 18 de maio

"La maestra" de Anita Maravillas, premio FETÉN 2024 ao mellor espazo escénico, primeira mostra da tempada

Este domingo comeza a programación teatral do Auditorio Gustavo Freire




Lugo, 10 de xaneiro de 2024. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, lembrou que, na tarde deste domingo, comezará a intensa programación teatral que terá lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire durante os primeiros meses de 2024. Maite Ferreiro explicou que "contamos con 30 actividades culturais con contidos para todos os públicos, que terán lugar entre o 12 de xaneiro e o 18 de maio".

"Quixemos poñer o foco nas producións de artes escénicas de mellor calidade feitas na Galiza, que serán o fío condutor da programación, e contaremos tamén con obras internacionais de calidade contrastada", explicou Maite Ferreiro, que engadiu "esta programación está pensada para o deleite das amantes do teatro e para facilitar un achegamento a esta arte por primeira vez, traendo a Lugo o mellor do teatro e da danza galega xunto cunha coidada selección de propostas premiadas en importantes festivais".

A programación conta con espazos para público adulto e familiar, ademais de con ciclos de danza e co ciclo de teatro para a primeira infancia, con actividades de formato reducido para as nenas e nenos máis pequenas. A programación inclúe en total 29 actividades, con 12 propostas para público adulto, 5 enmarcadas no ciclo Lugo en Danza, 10 para público familiar e 3 para a primeira infancia.

Para acceder ao recinto será preciso adquirir entrada no portal entradaslugo.es ou de maneira presencial na oficina municipal de turismo, cun prezo de 5€ nas actividades para público adulto e de danza, e 3 nas actividades familiares e de 1ª infancia.  Ademais haberá bonos a un prezo de 36€ nas actividades para público adulto e de 20€ para as actividades adicadas a público familiar, que permitirán acceder ás distintas actividades. No caso do ciclo Primeira Infancia, o bono terá un prezo de 6€ e para as actividade de danza, 15€. As persoas en paro, menores de 30, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG terán un desconto do 30% nas actividades para público adulto.

"La maestra" de Anita Maravillas, Premio FETÉN 2024 ao mellor espazo escénico, será a primeira mostra desta programación, que terá lugar este domingo, 12 de xaneiro a partir das 18:30. A actividade está recomendada para nenas e nenos a partir dos 6 anos e ten unha duración de 55 minutos.
Sinopse:
A mestra é valente, hábil e simpática. Cre nas capacidades dos nenos e as nenas, nas de todos e todas. A mestra e a súa pequena clase construíron xuntos unha fermosa escola, unha escola no bosque con cabida para todos os animais. A palabra máis querida pola nosa mestra é a liberdade, polo que quere que a súa clase creza libremente. Desgraciadamente, os maiores comezan unha guerra que obrigará aos nosos protagonistas para deixar atrás a súa soñada escola, unha escola construída desde o amor e o coidado mutuo. A historia de La Mestra é un intento tolo e fermoso de ser libre e feliz. A través desta historia viaxan as palabras daquelas valentes mestras e rumoréannos ao oído que a primeira condición para ser libre é tentalo.

Este domingo comeza a programación teatral do Auditorio Gustavo Freire