NO ANO 2025, CELÉBRASE O ANO CASTELAO CON DISTINTAS ACTIVIDADES PARA REIVINDICAR A VIXENCIA DO SEU PENSAMENTO POLÍTICO
O BNG lembra a Castelao no 75 aniversario do seu falecemento
No ano 2025, celébrase o Ano Castelao con distintas actividades para reivindicar a vixencia do seu pensamento político
Maite Ferreiro: "Un ano máis lembramos a Castelao, con distintas actividades tamén desde as institucións"
Lugo, 07 de xaneiro de 2024. O BNG de Lugo anunciou que celebrará o Ano Castelao 2025 con distintas actividades en todo o país. A edil do BNG de Lugo, Maite Ferreiro, realizou este anuncio hoxe, 7 de xaneiro, coincidindo co 75 aniversario do pasamento de Castelao.
O BNG e a Fundación Galiza Sempre realizarán ao longo do 2025 diversos actos non só como unha celebración da súa memoria, senón tamén como unha oportunidade para coñecer máis sobre o seu pensamento político e a súa obra, que recolle as ideas chave sobre as que se articula a proposta doutrinal do nacionalismo galego.
Ferreiro destacou que tamén nas institucións onde o BNG goberna contarán con programación específica no ano Castelao, programación que comezou xa no Museo Provincial cunha exposición sobre "As cruces de pedra na Galiza".
"Todos os anos facemos unha lembranza simbólica na estatua de Castelao dun acontecemento importante na historia do noso páis", afirmou Maite Ferreiro, que destacou que "a estatua de Castelo está situada diante do hotel no que se celebrou a Asemblea Nacionalista na nosa cidade hai máis de 100 anos e que foi o punto de partida para o nacionalismo galego contemporáneo".
A I Asemblea Nacionalista, celebrada en Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918, contou coa presenza de autores destacados do nacionalismo galego, como Castelao, Ramón Cabanillas, os irmáns Vilar Ponte e o lucense Lois Peña Novo.
Na Asemblea de Lugo do 1918 asinouse o manifesto que serviu de base para os programas do nacionalismo galego. No mesmo defínese a Galiza como nación, e afírmase que "son chegados os tempos de erguer a alma e o pensamento de Galiza, e, sobre todo, a súa soberanía completa e sen cativeces".