MAITE FERREIRO: "CONTINUAMOS A TRABALLAR PARA QUE LUGO CONTE CUN TURISMO SOSTIBLE E DE CALIDADE"
O Concello de Lugo acudirá a FITUR para promocionar as excelencias turísticas de Lugo
Maite Ferreiro: "Continuamos a traballar para que Lugo conte cun turismo sostible e de calidade"
A Feira Internacional de Turismo celebrarase entre o 22 e o 26 de xaneiro de 2025
Lugo, 09 de xaneiro de 2025. A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, asistirá, xunto con outras autoridades, á Feira Internacional de Turismo Fitur, que se celebra este ano 2025 entre o 22 e o 26 de xaneiro. Ferreiro realizará unha presentación onde promocionará o concello de Lugo "como un destino turístico sostible, cun turismo de calidade e desestacionalizado, que garante a convivencia das e dos visitantes coas persoas que residen en Lugo"
Ferreiro explicou que "o obxectivo deste ano é continuar amosándolle ao resto do mundo a cidade de Lugo e os seus valores paisaxísticos, gastronómicos e culturais".
A presencia de Lugo en Fitur de 2025 dará un importante peso ao Camiño Primitivo, dado que neste 2025 cúmprense 10 anos da súa declaración como Patrimonio da Humanidade. Ferreiro destacou que "desde a Tenencia de Alcaldía levamos anos mellorando a imaxe deste Camiño ao seu paso por Lugo, e este ano proxectarase unha intervención de importante que renove a chegada á Muralla a través do Carril das Flores".
A concelleira de Turismo afirmou que "Lugo estase a posicionar como un punto importante no turismo tanto polo patrimonio co que contamos como pola proximidade co resto de Galiza, un dos principais obxectivos á hora de promocionar a cidade".
"Agardamos a todo o mundo cos brazos abertos e un sorriso, e animamos a todo o mundo a coñecer o Lugo vivo, cheo de vida, moderno, afable, cómodo e acolledor que agarda por todas as persoas que nos visitan", afirmou Maite Ferreiro que engadiu "tratarémosvos da mellor das maneiras e acompañarémosvos mentres descubrides Galiza".