A ÁREA DE CULTURA ORGANIZA 30 ACTIVIDADES CULTURAIS CON CONTIDOS PARA DIVERSOS PÚBLICOS QUE TERÁN LUGAR ENTRE O 12 DE XANEIRO E O 18 DE MAIO
Maite Ferreiro presenta a programación do Auditorio Municipal Gustavo Freire para os primeiros meses do 2025
Ferreiro animou "a descubrir e desfrutar do teatro con esta programación ampla e de calidade"
A área de Cultura organiza 30 actividades culturais con contidos para diversos públicos que terán lugar entre o 12 de xaneiro e o 18 de maio
A selección de actividades elaborada pola área de Cultura inclúe "o mellor do teatro e da danza galega xunto cunha coidada seleccións de propostas permiadas en importantes festivais"
Lugo, 22 de decembro de 2024. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a programación teatral que terá lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire durante os primeiros meses de 2024. Maite Ferreiro explicou que "contamos con 30 actividades culturais con contidos para todos os públicos, que terán lugar entre o 11 de xaneiro e o 18 de maio".
"Quixemos poñer o foco nas producións de artes escénicas de mellor calidade feitas na Galiza, que serán o fío condutor da programación, e contaremos tamén con obras internacionais de calidade contrastada", explicou Maite Ferreiro, que engadiu "esta programación está pensada para o deleite das amantes do teatro e para facilitar un achegamento a esta arte por primeira vez, traendo a Lugo o mellor do teatro e da danza galega xunto cunha coidada selección de propostas premiadas en importantes festivais".
A programación conta con espazos para público adulto e familiar, ademais de con ciclos de danza e co ciclo de teatro para a primeira infancia, con actividades de formato reducido para as nenas e nenos máis pequenas. A programación inclúe en total 29 actividades, con 12 propostas para público adulto, 5 enmarcadas no ciclo Lugo en Danza, 10 para público familiar e 3 para a primeira infancia.
Para acceder ao recinto será preciso adquirir entrada no portal entradaslugo.es ou de maneira presencial na oficina municipal de turismo, cun prezo de 5€ nas actividades para público adulto e de danza, e 3 nas actividades familiares e de 1ª infancia. Ademais haberá bonos a un prezo de 36€ nas actividades para público adulto e de 20€ para as actividades adicadas a público familiar, que permitirán acceder ás distintas actividades. No caso do ciclo Primeira Infancia, o bono terá un prezo de 6€ e para as actividade de danza, 15€. As persoas en paro, menores de 30, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG terán un desconto do 30% nas actividades para público adulto.
Programación Auditorio Gustavo Freire 1º semestre 2025
12 de xaneiro. 18:30. Público familiar
Duración: 55 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 6 anos.
"La maestra" de Anita Maravillas
Premio FETÉN 2024 ao mellor espazo escénico.
Sinopse:
A mestra é valente, hábil e simpática. Cre nas capacidades dos nenos e as nenas, nas de todos e todas. A mestra e a súa pequena clase construíron xuntos unha fermosa escola, unha escola no bosque con cabida para todos os animais. A palabra máis querida pola nosa mestra é a liberdade, polo que quere que a súa clase creza libremente. Desgraciadamente, os maiores comezan unha guerra que obrigará aos nosos protagonistas para deixar atrás a súa soñada escola, unha escola construída desde o amor e o coidado mutuo. A historia de La Mestra é un intento tolo e fermoso de ser libre e feliz. A través desta historia viaxan as palabras daquelas valentes mestras e rumoréannos ao oído que a primeira condición para ser libre é tentalo.
16 de xaneiro. 20:30
Duración: 90 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 14 anos.
"As Gardiás" de Teatro de Ningures.
Sinopse:
As Gardiás, ou o dereito a decidir como xestionar a nosa propia vellez.
O humilde piso de Rosa, nun vello edificio no corazón dun barrio popular dunha vila obreira, é o refuxio acolledor dunha tribo de catro mulleres maiores organizadas. Rosa (que se topa nunha cadeira de rodas) e as súas compañeiras, Ana, Marga e Susana, son operarias xubiladas da industria téxtil, e están decididas a preservar a súa independencia. Cando a filla de Rosa, Vitoria, propón trasladala a unha institución médica e vender o apartamento, comeza unha loita entre dúas visións do ben envellecer. Enfrontadas ás decisións de Vitoria, as vellas mulleres defenden o seu dereito a vivir xuntas e en liberdade e artellan unha serie de estratexias para convencer a Vitoria de que a súa é a postura mellor.
19 de xaneiro. 18:30. Público familiar
Duración: 50 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 5 anos.
"Compaña" de Xampatito pato.
Sinopse:
Un personaxe solitario en busca de compañía explora a súa imaxinación para dar vida a cada un dos seus pensamentos.
A través deste proceso, consegue sentirse acompañado e leva ó público por un camiño cheo de sorpresas e risas nun espectáculo sen texto.
23 de xaneiro. 20:30
Duración: 75 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 14 anos.
"Testosterona" de Malasombra Producións.
Sinopse:
O director dun importante medio de comunicación debe deixar o seu posto en mans dun dos seus dous sub-directores. Un é muller, home o outro. Que influirá nesa decisión?: a capacidade?, o sexo?, a experiencia?, a audacia?, o engano?, a trampa?..
Testosterona fala de desigualdade laboral; un home e unha muller optan a un posto de máxima responsabilidade nun medio de comunicación de ambito nacional; cal dos dous será o elixido e por que? A autora mexicana Sabina Bernan, proponnos unha reflexión profunda sobre a desigualdade laboral por cuestión de sexo, e faino de maneira que nos sorprenderemos cun sorriso debuxado nos nosos beizos vendo as peripecias destes personaxes.
24 de xaneiro. 20:30. Danza
Duración: 40 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 14 anos.
"Multiperspectivas3" de Paula Quintas.
Sinopse:
Multiperpectivas 3 de Paula Quintas é unha proposta orixinal e novidosa que parte da perspectiva do espectador como reflexión contemporánea. Combina improvisación teatral, danza e circo, deixando espazo para a interacción co público. Unha proposta que experimenta cos límites das artes escénicas para enfrentarse coa realidade do espazo que nos rodea.
MULTIPERSPECTIVAS é un proxecto con diferentes fases.
Multiperspectivas#1. Sen estruturas de funambulismo. Estrea Festival Escenas do Cambio. 2021.
Multiperspectivas#2. 2 estructuras de funambulismo. Estrea Teatro Principal A Estrada. 2023.
Multiperspectivas#3. 3 estructuras de funambulisamo. Estrea Fira Tàrrega. 2024.
26 de xaneiro. Pases ás 17:00 e 18:30. 1ª infancia
"Madame Lumière" de La Menuda Produccions.
Duración: 35 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 6 meses.
Sinopse:
Madame Lumière é un espectáculo musical para a primeira infancia.
Ao solpor, os últimos raios de luz do día, entran no teatro. Entre a escuridade e as cores vermellas, laranxas e azuis, irán aparecendo, personaxes máxicos, grilos e melodías clásicas que darán a benvida á noite. As estrelas nos chiscará un ollo e as luces cálidas dos fogares abriranse. Mentres tanto, os máis pequenos da casa, a ritmo dunha sutil melodía, pecharán os ollos entrando nun soño doce e profundo. Nese preciso momento, é cando chega Madame Lumière que se encargará de dar vida aos soños de Layla (unha nena de 10 anos) ao longo de toda a noite: soños en mares profundos, soños de crianzas, soños en carpas de circo... e incluso algún pesadelo.
A noite, rodeada dun espazo sonoro e dunha delicada banda sonora interpretada cunha exquisita excelencia, chegará ao mencer. Á hora de espertar e desfrutar do recordo dos soños vividos durante esta fermosa noite.
Madame Lumière é unha homenaxe á música, á luz, e á maxia dos soños.
30 de abril. 20:30
"Anónimo" de Rauxa Cia.
Duración: 45 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 7 anos.
Premio Drac D´or Julieta Agustí ao mellor espectáculo da Lleida 2024 Títelles Fira.
Sinopse:
Canto somos capaces de manipular os nosos propios pensamentos para fuxir da realidade?
Anonymous é un espectáculo sensible e onírico que nos mergulla na mente dun personaxe que busca constantemente encher o seu baleiro, a súa propia soidade.
Unha peza de circo contemporáneo que fusiona acrobacias, danza, verticais e manipulación de obxectos para introducirnos nun mundo poético e traxicómico que investiga a necesidade de sentirnos queridos.
2 de febreiro. 18:30. Público familiar.
Duración: 45 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 3 anos.
"Kyoki" de Elefante Elegante.
Sinopse:
KYOKI vai destinado ao público infantil e familiar a partir dos 3 anos. O espectáculo trata a temática da memoria, da vellez, da demencia, da soidade e da dura e esixente tarefa de coidar as persoas maiores e enfermas.
A través dunha linguaxe xestual impulsada pola interacción constante co dispositivo escénico, o espectáculo evoca múltiples situacións e personaxes que dun xeito ou doutro todas as persoas podemos recoñecer.
KYOKI significa "demencia" en xaponés e refírese a unha alteración da capacidade para recordar, pensar ou tomar decisións. É certo que adoita verificarse en persoas de idade avanzada, mais quen nunca esqueceu onde colocou a caixa das galletas? Ou por distracción vestiu o xersei do revés? Ou saiu de casa atrasado para o cole sen peitear o cabelo?
KYOKI retrata un deses días catastróficos, máis é tamén unha homenaxe a todas as persoas maiores que asisten cada día ó proceso implacable do declinio das súas capacidades vitais.
6 de febreiro. 20:30
Duración: 60 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 12 anos.
"O Pano" de Bátega Teatro.
Sinopse:
Celia, nada en 1924, vivíu a crueza do patriarcado ao longo do século XX e Sau vive as consecuencias do seu enquistamento nun probable devir distópico en pleno corazón do século XXI. Son dúas mulleres entre as que existe unha conexión atemporal.
Celia acaba de chegar ao limbo. Lembra o ensino da II República, o terror da Guerra Civil e a posguerra, escuro período no que coñece a Mario, un maltratador que lle deixou unha fonda cicatriz. Celia afrontou esa dor desde unha heroicidade pouco convencional. Coa axuda de Soidade, a fraga, a súa horta e a forza de todas as súas devanceiras, reconstruíu a súa vida.
Sau 43 acaba de fuxir por unha fendedura temporal. No ano 2040, no que vive, todas as persoas levan un microchip desde a secura do 29, todas as mulleres e boa parte dos homes foron xulgadas públicamente e a agresividade medra cada día. Ou mudamos o presente ou non temos futuro. Mirémonos aos ollos, sintamos, choremos e non sucumbamos endexamais.
9 de febreiro. Pases ás 17:00 e 18:30. 1ª infancia
"Mímesis" de Zigzag danza.
Duración: 35 minutos.
Idade recomendada: Dos 0 aos 4 anos.
Espectáculo Recomendado polas Comisións Artísticas do circuito Camiño Escena Norte.
Sinopse:
Es o que ves. Somos o que vemos. A tribu reúnese para o ritual iniciático da vida. Coma nun espello, moldeamos o reflexo de aquilo que nos rodea reinterpretándoo para chegar a ser o que somos. Antes de nada, todo non era.
Mimesis constrúese arredor da imitación como vía de relación coa nosa contorna, aprendemos porque repetimos aquilo que vemos. Formamos parte dunha comunidade e dun entorno natural que nos serven de referencia para a construción do que chegaremos a ser. A modo de ritual non verbal nos comunicamos entre nós, nos comunicamos con vos, comunicádesvos con nós e no xogo da repetición o espazo que habitamos transfórmase.
Mimesis concíbese coma un ritual escénico para a primeira infancia e as súas familias, que constrúe un ecosistema escénico para que sexa habitado por intérpretes e familias participantes.
13 de febreiro. 20:30.
Duración: 70 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 14 anos.
"O dragón de ouro" de Sarabela Teatro.
Sinopse:
Unha noite, nun edificio de varios pisos, nalgún lugar de Europa:un mozo chinés sofre unha forte dor de moas na cociña do restaurante de comida rápida Tailandés - Chinés - Vietnamita,O Dragón de ouro. Non ten permiso de residencia e tampouco atopa a súa irmá desaparecida.
No balcón, sobre o Dragón de Ouro,un ancián quere retroceder no tempo mentres a súa neta, grávida, está diante das ruínas da súa relación porque o seu mozo non quere fillos.
No piso de abaixo, un home, deixado pola súa muller, visita ao seu amigo,un tendeiro enigmático que obriga a unha moza chinesa á prostitución. Dúas azafatas comen no restaurante. Unha delas topa e garda unha moa que caeu na súa sopa tailandesa.
Intercalada entre as escenas, está inserida a Fábula da Cigarra (que non gardaba nada no verán) e pídelle á Formiga que lle dea de comer.
O Dragón de ouro, é unha das obras de Ronald Schimmelpfenning máis representadas en todo o mundo, sendo esta, a primeira vez en galego. A obra debuxa un interesante retrato sobre os inmigrantes ilegais e a súa explotación no mundo occidental.
16 de febreiro. 18:30. Público familiar
"E entón un xardín" de Paporrubio.
Duración: 40 minutos.
Idade recomendada: A partir de 3 anos.
Sinopse:
"E entón, un xardín" é unha peza para público familiar da compañía Paporrubio escrita e dirixida por María Peinado, co actor Luchi Iglesias e coa música en vivo de Carlos Quintá. Unha comedia colorista e vitalista asentada no teatro de marionetas, na plasticidade do teatro de obxectos e na poética da imaxe.
Neste espectáculo o xardín convértese nun lugar de celebración e reivindicación. Os vexetais e animais son os protagonistas dunha historia estrafalaria na que a natureza esperta e reivinica os seus dereitos. Unha comedia disparatada ao servizo da imaxinación para espertar valores como a empatía, a responsabilidade e o respecto: a necesidade dun latir común co mundo natural.
20 de febreiro. 20:30.
Duración: 60 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 14 anos.
"Non pasarán" de Artika Teatro.
Sinopse:
"NON PASARÁN" é unha poderosa obra de teatro que explora a persistencia das ideoloxías intolerantes ao longo do tempo. Inspirada na obra clásica "Biedermann e os Incendiarios" de Max Frisch, esta produción contemporánea de Ártika Cía. lévanos a través de tres épocas cruciais: os anos 1920, 1980 e 2020, destacando como estas ideoloxías rexurden e adáptanse en diferentes contextos históricos.
21 de febreiro. 20:30. Danza.
Duración: Batu (18 minutos) + Triade (15 minutos) + Ypark (15 minutos).
Idade recomendada: A partir dos 14 anos.
"Batu" da Compañía NODE + "Triade" da Compañía Colectivo Glovo + "Ypark" da Compañía Zuk Dance.
Sinopse:
Batu de NODE (Euskadi) é a celebración que comparte o noso legado, o presente e o futuro. Alúmbrase sobre os pilares culturais de Euskal Herria (folklore, danza e música). A mirada enfocada ao futuro para dar un salto e inundarnos coa súa luz. Suma o que fumos, o que somos e o que seremos nun mesmo contexto artístico. Conmemora as nosas raíces e celebra o noso porvir cunha viaxe no tempo. Unha viaxe ao través de corpos xeneracionais. Unha sociedade que deu aos deuses por mortos e permitiu que algunhas mulleres se apoderaran de vellos símbolos. O resultado foi un código independente, positrónico, baseado na risa, a complicidade e a linguaxe propia.
TRÏADE ten como punto de partida esa necesidade de xuntarse, vencellarse e bailar desde o coidado e a escoita nun espazo feminino que procure unha xenealoxía feminina, unha orde simbólica persoal e independente, inspirada pola triada luar e a súa idea do eterno retorno - vida, morte e renacemento – resultando unha peza de corto formato para espazo non convencional con marcado carácter ritualesco e de culto ás ancestras e ás raíces.
YPark explora a desgarradora travesía dunha muller na busca da liberdade. Inspirada na historia de Yeonmi Park, a peza trascende os límites da linguaxe para capturar as emocións de opresión, desesperación e resistencia. A través da plasticidade do movemento e o contacto represéntase a loita de quen se enfrenta ao autoritarismo e ao sufrimento humán que isto conleva. A viaxe comeza na escuridade sofocante dun réxime represivo, onde os corpos móvense con restriccións, simbolizando a perda de identidade e a represión do espíritu.
23 de febreiro. 18:30. Público familiar
Duración: 55 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 10 anos.
Premio Butaca 2024 Mejor espectáculo Público Familiar.
Premio Teatre Barcelona 2024
"Dentro del corazón del mundo" de Engruna Teatre.
Sinopse:
Parte da novela "La mujer que buceó dentro del corazón do mundo", da autora mexicana Sabina Berman. O espectáculo expón a metáfora da actitude autista que as persoas neurotípicas adoptan cara o medio do que proceden. A través de Karen, unha nena con condición autista, ínstase o individuo a buscar novas formas de conectar coa contorna sen xerarquías.
Karen foi abandonada pola súa nai e viviu en estado salvaxe e en plena conexión coa natureza. A súa escasa relación cos humanos cambia coa chegada da súa tía Isabelle quen, por primeira vez, a trata con amor. A través da súa tía, aprende a falar, escribir e relacionarse co mundo neurotípico ata descubrir a súa xenialidade nalgúns aspectos da vida.
27 de febreiro. 20:30.
Duración: 60 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 14 anos.
"Absurdia" de Dani Blanco Producións.
Sinopse:
Unha paisaxe desolada: podería ser un vertedoiro, unha fábrica abandonada, unha trincheira, unha vella estación. Ducias de cadeiras en montóns desordeados.
Tres personaxes abafados por completar unha tarefa que non comprenden e que nunca rematan. Falan, calan, discuten, retórcense, pelexan e danse apertas. Pasan da angustia á euforia cada pouco. Non saben por que están alí, nin o que lles espera. Parece que non poden marchar. Benvidos, isto é ABSURDIA.
7 de marzo. 20:30. Danza
Duración: 50 minutos.
Idade Recomendada: A partir dos 14 anos.
"Sobre o extravío ou a arte de perderse" de Furia Sotelo.
Sinopse:
Un só de danza-teatro sobre a importancia do lugar, sobre o que non se ve pero está, sobre o esquecemento necesario e a arte de perder. Ou de perderse.
Sobre o extravío ou a arte de perderse convídanos a compartir a viaxe a través do espazo interior e exterior dunha muller. Como espectadores e cómplices do seu modo de construír(se), habitar, perderse e chegar a lugares inesperados.
Lugares onde o movemento, o texto, o espazo sonoro, o corpo e os obxectos combínanse captando sen esforzo a atención do espectador, mergullándoo nun tempo suspendido e evocador no que algo pode aparecer: unha sorpresa, unha pregunta, unha resposta quizais...
9 de marzo. 18:30. Público familiar.
Duración: 50 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 6 anos.
Premio María Casares 2024 ao mellor espectáculo infantil.
Espectáculo recomendado por Camiño Escena Norte.
"Crisálida" de Caramuxo Teatro.
Sinopse:
"Crisálida" é o espectáculo número 25 de Caramuxo teatro, co que cumprimos 20 anos de traxectoria. Unha historia que leva varios anos na nosa cabeza e coa que queremos facer a nosa pequena homenaxe a esas persoas que fan que as cidades teñan vida e sexan ricas en historias.
"Crisálida é un espectáculo que quere poñer en valor a importancia do comercio tradicional nun mundo globalizado e cada vez máis dixitalizado. A importancia da existencia de eses espazos que crean comunidade.
"Crisálida" é o espectáculo máis ambicioso da compañía. Unha montaxe de máscaras, sen texto, con catro actores e máis de 12 personaxes. Dirixido pola prestixiosa directora Olga Margallo (Gañadora de multitude de premios Fetén, premios Max, Premio Nacional con Uroc teatro...)
Historias como as da mercería Crisálida amósannos que este tipo de negocios, máis baseados nas relacións humanas que no beneficio económico, deben ser protexidos por ser parte do noso patrimonio.
3 de abril. 20:30.
Duración: 100 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 14 anos.
"Reconversión" de Ibuprofeno teatro.
Sinopse:
RECONVERSIÓN é un espectáculo de gran formato para público adulto, con oito actores-músicos que forman unha charanga e interpretan a banda sonora en directo.
Entre o íntimo e o político, o proxecto, escrito e dirixido por Santiago Cortegoso, é un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión no sector naval na Ría de Vigo. A obra céntrase na peripecia vital do pai do autor, un home que traballou no estaleiro Ascón durante 30 anos. Esta figura sintetiza as vivencias de toda unha xeración, que sufriu o paro polo peche da factoría en 1984 e viviu as mobilizacións históricas que tiveron lugar nos anos 70 e 80.
RECONVERSIÓN é unha viaxe desde a posguerra ata o "Felipismo"dos 80, pasando polo auxe da industria siderúrxica e a evolución desde un estilo de vida rural a unha sociedade capitalista.
6 de abril. Pases ás 17:00 e 18:30. 1ª infancia.
Duración: 40 minutos.
Idade recomendada: De 1 aos 5 anos.
"Tana (A tobeira)" de Compagnia TPO.
Sinopse:
No século XVI unha pequena comunidade de monxas á beira do Miño vese ameazada pola cobiza da hierarquia eclesiástica. Os señores da Igrexa, para rematar coa resistencia das freiras non dúbida en difamalas e ameazadas por todos os medios, desde o tribunal da inquisición á violencia das mesnadas señoriais. Carme Varela reconstrúe nun thriller conventual aqueles tempos de resistencia das comunidades de mulleres autosuficientes e poderosas. A vida parece continuar coas suas rotinas de rezos, bordados e melindres, mais a negra sombra da ameaza exterior abátese sobre o convento de Albeos.
10 de abril. 20:30.
Duración: 90 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 14 anos.
"Desterradas" de Producións Teatrais Excéntricas.
AS DESTERRADAS de CARME VARELA (25º Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais).
Sinopse:
No século XVI unha pequena comunidade de monxas á beira do Miño vese ameazada pola cobiza da hierarquia eclesiástica. Os señores da Igrexa, para rematar coa resistencia das freiras non dúbida en difamalas e ameazadas por todos os medios, desde o tribunal da inquisición á violencia das mesnadas señoriais. Carme Varela reconstrúe nun thriller conventual aqueles tempos de resistencia das comunidades de mulleres autosuficientes e poderosas. A vida parece continuar coas suas rotinas de rezos, bordados e melindres, mais a negra sombra da ameaza exterior abátese sobre o convento de Albeos.
24 de abril. 20:30
Duración: 80 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 14 anos.
"Profetas" de Ítaca Teatro.
Premio Abrente de Textos Teatrais 2021.
Sinopse:
Ela e el vólvense atopar despois dalgún tempo. Ao longo da noite, farán repaso da súa relación: dos soños e dos medos que a truncaron, dos éxitos e dos fracasos que compartiron, das cidades na que a imaxinaron.
25 de abril. 20:30. Público familiar
Duración: 45 minutos.
Idade recomendada: A dos 8 anos.
"OCELO" de Colectivo Espaço Invisíbel.
Sinopse:
Ocelo é un espectáculo sensorial e multidisciplinar, dirixido ao público familiar, que parte da necesidade de ollar, de forma positiva, para o contexto en que vivimos e polas ganas de crear sobre o belo. Parte tamén das ganas de explotar o belo como un lugar onde a realidade e a nosa imaxinación se encontran; o belo como unha sensación de asombro, de UAU.
1 de maio. 20:30
Duración: 100 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 14 anos.
"Napoleón o el complejo de épico" de Teatro do Chapitô.
Sinopse:
Na busca por entender ao home que Napoleón foi e o fenómeno creado arredor da súa figura, atopámonos entre a fascinación e o repudio. Napoleón de Teatro do Chapitô, lánzanos cuestións políticas e sociais que se manteñen actuais e pertinentes. A súa ambición persoal, audacia e determinación levárono lonxe, expandindo territorios, apropiándose dos ideais da Revolución Francesa. Máis tarde aproxímase aos valores aristocráticos que antes rexeitaba, centraliza en sí mesmo o poder e autoproclámase Emperador. A súa forza de vontade era única. A súa caída foi proporcional á súa ascensión. Unha vida novelesca, con todos os ingredientes para unha boa historia.
Moito se contou e contará sobre Napoleón Bonaparte, será o público quen deba xulgar ou celebrar a figura histórica e o home que foi.
2 de maio. 20:30. Danza
Duración: 50 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 8 anos.
"Dance Join" de Marta Alonso.
Sinopse:
Dance Join é a nova produción da compañía martaalonsotejada.
Un espectáculo interactivo que combina danza e clown, deseñado para espazos non convencionais, tanto ao aire libre como en interiores.
A obra mestura danza, humor e música, propoñendo unha visión lúdica e autocrítica do mundo escénico, mentres convida ao público a participar no caos controlado que presenta.
Esta proposta dinámica borra os límites entre artistas e espectadores
4 de maio. 18:30. Público familiar.
Duración: 50 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 5 anos.
"A nena e o grilo camiño das cores" de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos.
Sinopse:
A Nena e o Grilo camiño das cores é unha montaxe teatral de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos xunto á Banda das Apertas en directo. É a última e cuarta entrega de A nena e o grilo, o musical infantil máis aclamado do panorama galego que conta con tres espectáculos previos: O País das Apertas, A Nena e o Grilo nun Barquiño e A Nena e o Grilo máis Aló.
O fío condutor desta cuarta entrega son os camiños, as peregrinacións nas que as camiñantes buscan atoparse consigo mesmas, a vida que avanza e non sabemos a onde nos leva.
A Nena xunto coa Banda das Apertas que a acompaña emprenderá unha viaxe chea de aventuras e sorpresas na que descubrirá que o seu anhelo non é outra cousa que a amizade. Unha nova entrega da saga para público familiar para viaxar ao País das Apertas!
8 de maio. 20:30
Duración: 80 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 16 anos.
Espectáculo en Lingua galega e portuguesa.
"Manuela Rey Is In Da House" do Centro Dramático Galego, Teatro do Noroeste, Centro Dramático de Viana, Teatro Nacional Dona María II e Teatro Nacional Sao Joao.
Sinopse:
Manuela Rey, "a muller lirio", é máis que unha liña no libro dos enterros do cemiterio dos Praceres, en Lisboa. É un misterio que comeza en Mondoñedo, nunha casa de aldea, en 1842, e remata no Teatro Nacional Dona María II, en Lisboa. De Mondoñedo a Lisboa. De Galiza a Portugal. 23 anos de vida. 23 anos de teatro. Como reconstruír unha vida onde só temos anacos soltos e contraditorios? Sabemos que despois de seis anos foi entregada a unha compañía teatral itinerante, que percorreu León, Palencia, Bragança, Valença, Ponte de Lima, Viana do Castelo, Régua, Porto para que o grupo familiar adoptivo chegase a Lisboa e triunfase no Teatro Nacional Dona María II e morrese como unha estrela aos 23 anos. Manuela Rey é a historia esquecida do teatro galego e portugués. Actriz. Escritora. Neste espectáculo tentamos recuperar o que quedou da súa memoria. Porque sen memoria non hai Historia.
15 de maio. Pases ás 17:00 e 18:30. Público familiar.
Duración: 35 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 8 anos.
"La liebre, la tortuga & la influencer" de Larumbe Danza. 17h e 18.30h.
Sinopse:
"La liebre, la tortuga & la influencer" é un espectáculo inspirado na fábula universal de Esopo, gravada no imaxinario de calqueira persoa, sexa pequena ou grande. Nesta versión, danza, narración, diálogos, poesía e música fanse un para contar unha fábula dentro de outra fábula, trepidante, que sitúa aos dous míticos animais nunha carreira online, en directo, arbitrada por un influencer que persegue un éxito masivo a toda costa.
16 de maio. 20:30. Danza.
Duración: 100 minutos.
Idade recomendada: A partir dos 14 anos.
"TROMSØ" de Morraoconto.
Sinopse:
Cando un ser querido nos deixa, o baleiro que queda énchenos dun silencio que, ás veces, nunca conseguimos facer desaparecer. Un silencio que se aferra ao corazón apagando para sempre parte da súa luz. Tromsø é unha reflexión en clave de humor dende a perda. Sobre a vida, a morte e todo o que queda entre medias. É un canto á tristura pero tamén á esperanza. Unha viaxe épica polos mares do norte, navegando tormentas, fiordos e enormes cardumes de arenque, na procura dun lugar onde tirar pola borda esa pena que se alimenta da alma e deixala afundir, dunha vez por todas, na inmensidade azul.
Nun lugar onde as candorcas, co seu canto, desgarran o silencio salvaxe da aurora boreal.
18 de maio. 20:30. Público familiar.
Duración: 50 minutos.
Idade Recomendada: A partir dos 4 anos.
"Un pez en el corazón" de Mar Mar teatro.
Finalista PREMIOS MAX 2024 ao mellor espectáculo para publico infantil, xuvenil ou para público familiar.
Sinopse:
Marti non sabe onde viven os medos, vive tranquila nunha fermosa vila con cheiro a salitre. Seu pai é mariñeiro e pasa moito tempo no mar. Un día gris agardando no porto, sorpréndelle unha enorme treboada que fai que caia ao mar. Marti comezará unha viaxe profunda ao longo do fondo mariño e para facelo terá que aprender a lingua dos peixes e dos medos.