RUBÉN ARROXO: "ESTA ACTUACIÓN PERMITIRÍA AUMENTAR A SEGURIDADE PEONIL E MELLORAR A FLUIDEZ DO TRÁFICO, MELLORANDO A SEGURIDADE DESTE CRUCE"
A Tenencia de Alcaldía estuda a creación dunha rotonda na unión de Afonso X coa Rolda de Fingoi
Rubén Arroxo: "Esta actuación permitiría aumentar a seguridade peonil e mellorar a fluidez do tráfico, mellorando a seguridade deste cruce"
Lugo, 21 de decembro de 2024. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que a área de Mobilidade estuda un proxecto para modificar a unión da rúa Afonso X coa Rolda de Fingoi. Arroxo afirmou que "seguimos a traballar en mellorar a mobilidade na cidade, aumentando a seguridade peonil mentres se mantén a fluidez do tráfico", e engadiu "proxectamos unha rotonda neste cruce, actualmente regulado por semáforos, que mellore as condicións de seguridade da intersección".
A intersección da rúa Alfonso X coa Ronda de Fingoi é na actualidade un cruce regulado por semáforos no que conflúen viais de similar intensidade de tráfico. No aspecto visual é un espazo espido, en contraste co bulevar da Ronda de Fingoi, e de dimensións demasiado altas para ó tráfico que soporta. Coa mellora da intersección preténdese acadar unha mellora tanto funcional como estética e de integración na contorna, mellorando a seguridade da intersección viaria ó mesmo tempo que se reducen os tempos de espera.
Con esta actuación, o Goberno de Lugo busca eliminar os semáforos creando unha rotonda axardinada, e redeseñando as entradas para garantir a seguridade dos peóns e manter a continuidade da rúa. Adaptarase o alumeado ó novo deseño, avanzando na implantación de alumeado LED e modificarase a rede de saneamento para garantir a correcta drenaxe da intersección.