FERREIRO: "TRÁTASE DA PRIMEIRA EXPOSICIÓN EN TODO O ESTADO DIRIXIDA AO MUNDO DO CINE E A MODA; COMBINANDO CULTURA, HISTORIA E DIVERSIÓN PARA TODOS OS PÚBLICOS"
Rubén Arroxo e Maite Ferreiro visitan no MIHL a nova exposición 'Barbie: Cine e moda', que se abrirá ao público a partir de mañá
A mostra está formada por máis de 180 Barbies de coleccionista, todas elas edicións limitadas e únicas no mundo
Ferreiro: "Trátase da primeira exposición en todo o estado dirixida ao mundo do cine e a moda; combinando cultura, historia e diversión para todos os públicos"
Lugo, 05 de marzo de 2024. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, visitaron a nova exposición que acollerá o MIHL a partir de mañá e até o día 1 de maio. 'Barbie: Cine e moda' reunirá nas instalacións do museo máis de 180 edicións limitadas da boneca máis recoñecida no mundo, "nalgúns casos de 25.000 exemplares e noutros de tan só 999 en todo o planeta", destacou a concelleira.
Maite Ferreiro explicou que se trata "da primeira exposición en todo o estado dirixida ao mundo do cine e a moda; combinando cultura, historia e diversión para todos os públicos". As persoas asistentes poderán observar a evolución da boneca Barbie no tempo a través dos principais títulos da historia do cine, con todas as edicións documentadas e datadas, expostas en urnas de metacrilato e acompañadas de máis de 40 carteis de películas que completarán o espazo.
Na exposición, insistiu a concelleira, destaca a vestimenta e as roupas das bonecas. Desde a súa creación Barbie foi vestida polos grandes deseñadores e deseñadoras de moda de todos os tempos: Armani, Versace, Pertegaz, Óscar de la Renta, Christian Dior e moitas máis. "Algúns dos seus modelos podemos velos nesta exposición que conta, ademais, cun deseño realizado por Lorenzo Caprile en exclusiva para 'Barbie: Cine e moda', explicou Maite Ferreiro.
A vestimenta de Barbie, destacou Ferreiro, "amosa os cambios culturais e sociais dende o seu comezo, tamén no mundo do cinema, con vestimentas máis tradicionais, ata deseños contemporáneos", o que converteu á boneca en indicador visual das tendencias e valores de cada época. A concelleira de Cultura insistiu en que "a introducción de diferentes estilos, cores e patróns crea unha maior conciencia da diversidade na moda e na sociedade en xeral". Así, a evolución da vestimenta de Barbie non só persigue as tendencias da moda, senón que tamén reflicte cambios máis amplos na percepción da identidade, concluíu Ferreiro.