HABERÁ ACTIVIDADES ESPECIAIS COINCIDINDO COA CELEBRACIÓN DO DÍA DA MULLER, O DÍA DO PAI E O DÍA DA NAI
Cristina López anuncia as actividades organizadas no Cemiterio Municipal para o 1º semestre do ano
A partires do 10 de marzo voltarán as tradicionais representacións da man de Achádego Teatro
Haberá actividades especiais coincidindo coa celebración do Día da Muller, o Día do Pai e o Día da Nai
Lugo, 02 de marzo de 2024. A concelleira Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, acaba de presentar as actividades que se realizarán no Cemiterio enmarcadas no primeiro semestre do ano 2024. Cristina López explicou que a programación se estenderá ata o mes de xuño, "achegando un ano máis unha serie de actividades diversas coas que agardamos que toda a veciñanza se achegue e coñeza o noso cemiterio", explicou Cristina López.
Como cada ano, volverán incluírse as xa tradicionais visitas teatralizadas representadas da man de Achádego Teatro, "que traerán ao noso recordo as vidas ilustres de persoeiros que deixaron coas súas obras e as súas vidas unha pegada inesquecible na nosa cidade", explicou a concelleira. Así, o teatro comezará o día 10 de marzo e, coincidindo en días próximos ao Día da Muller, representarase a obra `Mulleres Destacadas'. As representacións continuarán o día 14 de abril con 'Mallo, Asorey e os seus anxos', o día 12 de maio con 'Escoitando aos escritores/as', e rematarán o 9 de xuño coa obra 'Da Negra Sombra a Sabeliña'. Para celebrar "datas especiais como son o Día da Nai e do Pai", insiste López, o Cemiterio acollerá a intervención musical de Iria Estévez o día 17 de marzo, coincidindo co San Xosé; así como o 5 de maio, polo día en honra ás nosas nais.
Ademais, lembra a concelleira de Participación, que "tamén poderemos visitar todas as fins de semana e festivos as exposicións dispoñibles", tanto a permanente na que podemos percorrer a historia dos enterramentos dende a pocsa romana, como a exposición 'Memoria Viva' na que se recollen as distintas actividades culturais que se desenvolven ao longo do ano no Cemiterio. Cristina López recordou que "continúan a ofrecerse visitas guiadas para escolares polas instalacións do cemiterio, co fin de coñecer toda a historia que alí se garda". Para obter máis información existe un correo electrónico a disposición dos centros educativos interesados: [email protected].