“A COMPOSTAXE PERMITIRÁ AFORRAR AO CONCELLO EN TORNO A 468.000€/ANO SÓ NO CANON DE SOGAMA” SINALOU RUBÉN ARROXO
Rubén Arroxo: “nada máis chegar ao goberno municipal lanzaremos un plan piloto de compostaxe”
Lugo, 04 de abril de 2019. O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que “cando cheguemos ao goberno municipal, lanzaremos un plan piloto de compostaxe de maneira inmediata, con 10 illas en distintas zonas verdes da cidade”. Arroxo lembrou que o BNG leva tempo reivindicando a necesidade dun Plan de Xestión de Residuos, baseado na reciclaxe, reutilización e recuperación, alternativo ao de SOGAMA e sinalou “este Plan permitirá ás veciñas e veciños, un aforro considerable no recibo do lixo”. Estas 10 illas de compostaxe servirían para analizar o uso da veciñanza de Lugo ao respecto e serían o paso previo para poder levar este modelo a todo o municipio.
O concello de Lugo envía dende fai anos os residuos á planta de SOGAMA. Neste momento o sistema de SOGAMA non acada os obxectivos mínimos en canto ás porcentaxes de reciclaxe que tiña marcadas pola Lei de Residuos da Xunta, cifrado en acadar, no ano 2020, o 50% de reciclaxe dos residuos recibidos. Na planta de SOGAMA, na actualidade estase a reciclar un 11% dos residuos que chegan á planta de Cerceda, mentres que a media estatal é do 30%.
Experiencia Allariz
No concello de Allariz, tras 3 anos de compostaxe, estase a xestionar por este sistema un 20% do lixo que cae no colector orgánico. “Se en Lugo fósemos capaces de xestionar tan só a mesma porcentaxe que Allariz teríamos un aforro de en torno aos 468.000€/ano tan só no canon de SOGAMA, que xunto a outros custos como o transporte ou a recollida pódese aproximar ao millón de € de aforro para as arcas municipais” explicou Rubén Arroxo
Dado que o concello de Lugo xestiona 33.500Tm ao ano de residuos no colector orgánico (dato 2017)
Canon SOGAMA 2019 => 69,83€
33.500TM x 0,20 (porcentaxe compostaxe en Allariz) = 6.700Tm
6700TM x 69,83€ (canon SOGAMA 2019)= 467.861€/ano de aforro ao Concello
A maiores disto, cómpre destacar que a tendencia a compostar vai en aumento co paso do tempo do funcionamento deste sistema, polo que tamén incrementaría o aforro económico e a aposta por un tratamento do lixo máis sustentable