Rubén Arroxo: "nos últimos anos Lugo avanzou de cara a un modelo de mobilidade sostible e amable coas persoas e o entorno"
Hoxe celébrase o día Europeo sen coches con actividades para nenas e nenos na praza Horta do Seminario e coa gratuidade do bus urbano
A praza Horta do Seminario acolleu durante a tarde unha serie de actividades para as nenas e nenos, promocionando o bus urbano e os medios de transporte alternativos
Lugo, 21 de setembro de 2023. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo e responsábel da área de Mobilidade, Rubén Arroxo, valorou, durante o Día Europeo sen Coches, os avances realizados na cidade de Lugo con respecto á mobilidade nos últimos anos. Arroxo destacou que Lugo está a converterse nunha cidade "cun modelo de mobilidade sostible e amable coas persoas e co entorno". "Espazos peonís útiles, un novo modelo de liñas de transporte que chegan a máis do 80% da poboación e a aceptación dos medios de transporte alternativos están a facer de Lugo un lugar mellor", afirmou o responsábel de Mobilidade.
Nos últimos anos, desde a Tenencia de Alcaldía creáronse 15 novas áreas peonís tanto no centro da cidade como nos distintos barrios, 18.000 metros cadrados de novos espazos peonís en zonas como a Milagrosa, o Sagrado Corazón, Recatelo, Acea de Olga ou a Piringalla, "zonas útiles para o día a día da veciñanza, creando unha rede de puntos de convivencia para as persoas cos que antes moitos barrios non contaban", destacou Arroxo.
Rubén Arroxo lembrou que o vindeiro paso a executar polo Goberno será a implantación do metrominuto, "unha iniciativa que comezou en Pontevedra e que permite fomentar os desprazamentos a pé entre a veciñanza". A iniciativa, que se executará nas vindeiras semanas, consistirá na colocación de planos nas marquesinas de bus urbano da zona urbana, en formato metro, que indicará as distancias a pé, xunto co Bus Minuto, que permitirá coñecer tamén os tempos de desprazamento usando tamén o bus urbano. Arroxo destacou que esta iniciativa permitirá ver de xeito sinxelo e entendible, "que os desprazamentos en coche poden quedar para situacións moi puntuais, dado que en poucos minutos se pode percorrer unha gran distancia combinando o paseo co bus urbano".
A Semana Europea da Mobilidade é unha campaña de concienciación que busca sensibilizar á poboación en canto ao uso do transporte público e os medios de transporte alternativos. Celébrase anualmente desde o 2002 e, no 2023, colle o lema Eficiencia Enerxética, co obxectivo de concienciar na necesidade de reducir o consumo enerxético e fomentar a mobilidade sostible, promovendo o transporte activo e creando cidades habitables.