Rubén Arroxo pide a dimisión da conselleira de Vivenda “por crear un importante conflicto no barrio do Castiñeiro”
O candidato do BNG de Lugo afirmou que no vindeiro pleno “o grupo municipal do PP terá que escoller se poñerse do lado da veciñanza de Lugo ou apoiar a decisión da Xunta”
Arroxo lembrou que cando o BNG tivo responsabilidade en vivenda “o goberno galego realizou importantes investimentos no barrio do Castiñeiro”
Lugo, 28 de marzo de 2023. O candidato do BNG á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, xunto coas concelleiras e concelleiros do Grupo Municipal do BNG no Concello de Lugo, anunciou que o BNG pedirá a dimisión da conselleira de Vivenda pola situación creada polo goberno galego no barrio do Castiñeiro. Rubén Arroxo afirmou que “desde o BNG estamos a favor de que a Xunta de Galiza constrúa vivenda pública, mais o barrio do Castiñeiro xa está saturado, despois de realizarse importantes investimentos cando o BNG tivo a responsabilidade da área de vivenda no goberno de Galiza”.
O candidato do BNG criticou que “a Xunta de Galiza poña en marcha un novo proxecto de vivenda pública despois de 14 anos sen realizar investimentos nesta materia”, e afirmou que “está na man da Xunta de Galiza paralizar esta obra e buscar unha ubicación máis acaída para unha promoción de vivenda pública, do mesmo xeito que poden solicitar o cambio de uso do terreo para poder dotar de outros usos ao barrio”, e engadiu “é soprendente que o PP cree un problema no barrio e despois diga que é o concello quen ten que solucionalo”.
Arroxo declarou que o Grupo Municipal do Partido Popular terá que posicionarse no vindeiro pleno municipal. “O PP terá que escoller entre apoiar a postura da Xunta e continuar a saturar de vivenda o barrio con máis densidade de poboación da cidade ou apoiar as reivindicacións da veciñanza deste barrio”.
O portavoz do BNG lembrou que “o BNG sempre estivo en contra do PXOM, entre outras razóns polo reparto que o plan de ordenación marca para o parque de vivenda protexida e a súa distribución ao longo da cidade”.