Rubén Arroxo presentou ante un grupo de escolares o paseo do Sistema Solar

O paseo dos planetas está a escala e ten o seu comenzo na mediana da ronda de Fontiñas preto da praza do Camiño Primitivo

Son 11 paneis informativos creando un paseo de 3 km de longo nas rolda de Fontiñas, Xosé Castiñeira e Rolda de Fingoi, mantendo as distancias proporcionais do sistema solar

Rubén Arroxo presentou ante un grupo de escolares o paseo do Sistema Solar

Lugo, 27 de xaneiro de 2023. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, presentou ante un grupo de escolares o paseo polo sistema solar, coa que a Tenencia de Alcaldía propón unha ruta pola cidade coa que coñecer os distintos planetas e corpos do sistema solar. O Tenente Alcalde estivo acompañado polo concelleiro Felipe Rivas, responsábel da concellería de Educación e Difusión do Coñecemento, ademais da concelleira de Participación, Cristina López, e dun grupo de escolares do IES Muralla Romana que viaxaron en bus urbano ata o comenzo da ruta.

O Tenente Alcalde afirmou que “esta iniciativa ten un gran potencial tanto para a veciñanza de Lugo e o turismo que se achegue á cidade como para os centros de ensino, que poderán estudar o Sistema Solar dun xeito distinto, seguindo o paseo e vendo as ilustracións de Noemí López”.

Cada un dos 11 paneis do paseo do sistema solar achegan información relevante sobre o sol, os 8 planetas, o cinto de asteroides e Plutón, como o seu tamaño, a cantidade de satélites cos que contan ou os tempos de rotación arredor do sol.

 

Un Paseo polo Sistema Solar é a terceira intervención deste estilo executada pola Tenencia de Alcaldía neste mandato. Nos últimos meses habilitáronse zonas de paseo nos barrios da Chanca e da Ponte con distintos paneis recollendo lendas de cada zona. Para este traballo contárase coa ilustración de Noemí López e co traballo de traballo de Antonio Reigosa no eido da investigación da mitoloxía popular e da tradición oral.

“Continuamos a mellorar o espazo público creando zonas de paseo para a veciñanza tal e como fixemos na Chanca e na Ponte”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “neste caso, contamos con 11 paneis informativos sobre os distintos corpos do sistema solar, que se ubicarán mantendo a proporción da distancia real creando unha zona de paseo de 3 km que comezará na Avenida de Fontiñas, continuando por Xosé Castiñeira e rematando na Rolda de Fingoi”.

Rubén Arroxo presentou ante un grupo de escolares o paseo do Sistema Solar