Rubén Arroxo presentou un programa de goberno “pensado para cumprir na súa totalidade desde a alcaldía”

O candidato do BNG á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, presentou o programa de goberno "para que Lugo funcione"

A conservación do medio ambiente, políticas transversais de xénero, potenciación do casco histórico e servizos sociais son prioridade no programa do BNG, que conta con preto de 150 iniciativas

Arroxo: “neste mandato cumprimos o 95% do programa nas áreas que xestionamos, desde o BNG temos capacidade para cumprir a totalidade coa alcaldía”

Rubén Arroxo presentou un programa de goberno “pensado para cumprir na súa totalidade desde a alcaldía”

Lugo, 10 de maio de 2019. O candidato do BNG á Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo presentou o programa de goberno e tamén anunciou as que serán medidas estrela do BNG para o vindeiro mandato. Arroxo sinalou que o programa presentado hoxe é un documento para "completar o cambio que Lugo comezou neste mandato" e contén medidas centradas nos diferentes ámbitos de actuación sobre os que o goberno municipal ten responsabilidade. Rubén Arroxo estivo acompañado polas concelleiras e concelleiros do BNG na presentación do programa.

Arroxo explicou que “o programa contén as liñas do noso proxecto para o concello de Lugo nos vindeiros anos, e está pensado para poder cumprirse ao 100% desde a Alcaldía”, e lembrou que “neste mandato executamos o 95% das propostas do anterior programa para as áreas que xestionamos”.

Avanzar na conservación do medio ambiente e reducir os efectos do cambio climático será unha das medidas prioritarias para o BNG. "Traballaremos para manter o parque do rato e ampliar as zonas verdes de Lugo" anunciou Rubén Arroxo que engadiu “o uso das enerxías renovables, a creación de novos espazos peonís e a creacións de zonas de paseo con sombra en todo o tecido urbano permitirán que Lugo contribúa a reducir a pegada de carbono ao mesmo tempo que melloramos a calidade de vida da veciñanza”.

Dentro do programa do BNG contémplase unha visión transversal das políticas de xénero que segundo Rubén Arroxo “terán presenza en todas as actuacións do goberno”. Outra das prioridades do BNG será a reestruturación dos servizos sociais que “teñen a mesma estrutura que deixou o BNG no ano 2006, cando Branca R. Pazos tivo reponsabilidade de goberno nesta materia” e  precisan unha reestruturación e actualización para ser funcionais na actualidade.

En materia de cultura, o BNG continuará a mellorar as festas do San Froilán como a grande festa do outono galego e apostará consolidar as iniciativas postas en marcha neste mandato, como o Culturban, que puxo a Lugo no mapa do Muralismo, o Enredando co Galego, “unha das mellores promocións da nosa lingua”, ou a programación cultural estable, de calidade e cunha firme aposta polo tecido cultural local.

 

Tres obxectivos concretos

Rubén Arroxo pechou a presentación do programa do BNG sinalando que está centrado en 3 puntos fundamentais: poñer a Lugo no mapa e reclamar ao resto de institucións que executen as infraestruturas que levan anos debendo a Lugo, potenciar as Zonas Verdes, axudando a frear os efectos do cambio climático e mellorando a calidade de vida das veciñas e veciños de Lugo, “e facer de Lugo un lugar mellor, unha cidade acolledora e da que toda a veciñanza sinta orgullo”, afirmou Arroxo.

Ligazón programa electoral: https://cambiandolugo.gal/files/Programa_BNG_2023.pdf

Rubén Arroxo presentou un programa de goberno “pensado para cumprir na súa totalidade desde a alcaldía”