O CANDIDATO DO BNG Á ALCALDÍA DE LUGO, RUBÉN ARROXO, ACOMPAÑADO DE MILITANTES PRESENTOU O CARTAZ, COA QUE O BNG SAE "A FACER HISTORIA E CONSEGUIR A ALCALDÍA"

O BNG presenta o cartaz a utilizar en campaña para acadar a alcaldía da cidade de Lugo

A campaña centrarase nas preto de 150 iniciativas presentadas no programa electoral arredor da conservación do medio ambiente, políticas transversais de xénero, potenciación do casco histórico e servizos sociais

Segundo Rubén Arroxo: “a concello estivo paralizado ata que o BNG se fixo cargo de parte goberno municipal onde cumprimos o 95% do programa nas áreas que xestionamos”

O BNG presenta o cartaz a utilizar en campaña para acadar a alcaldía da cidade de Lugo

Lugo, 11 de maio de 2023.O BNG realizou na praza da Mosqueira o seu acto de inicio de campaña para as municipais do vindeiro 28 de maio. Nun encontro con militantes e simpatizantes do BNG, o candidato á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, animou "a facer chegar a mensaxe do BNG a todas e todos os veciños de Lugo". O candidato nacionalista afirmou que "este ano podemos facer historia" e unir a Lugo aos concellos gobernados polo BNG. "Saímos a por todas, nos últimos catro anos demostramos que o BNG cumple", declarou Rubén Arroxo, que engadiu "na tenencia de alcaldía executamos o 95% do noso programa, imaxinade o que seremos capaces de facer coa alcaldía".

Arroxo sinalou que o BNG traballará a partir do 28 de maio para completar o cambio que Lugo comezou neste mandato. "Hai 4 anos todo o mundo falaba de que Lugo estaba paralizado, hoxe iso xa non se escoita, e o que cambiou foi que o BNG entrou no goberno", afirmou o candidato nacionalista, que sinalou que o BNG desenvolverá unha campaña "próxima á veciñanza, con actos nos principais barrios e cunha gran presenza nas rúas".

Rubén Arroxo lembrou que o BNG sae cun programa "realista e ambicioso, pensado para mellorar o noso concello". O programa co que o BNG concorre ás eleccións está centrado en 3 puntos fundamentais: poñer a Lugo no mapa e reclamar ao resto de institucións que executen as infraestruturas que levan anos debendo a Lugo, potenciar as Zonas Verdes, axudando a frear os efectos do cambio climático e mellorando a calidade de vida das veciñas e veciños de Lugo, “e facer de Lugo un lugar mellor, unha cidade acolledora e da que toda a veciñanza sinta orgullo”, afirmou Arroxo.

Avanzar na conservación do medio ambiente e reducir os efectos do cambio climático será unha das medidas prioritarias para o BNG a partir do 28 de maio. "Garantir o mantemento parque do Rato e ampliar as zonas verdes de Lugo serán dous obxectivos prioritarios" anunciou Rubén Arroxo que engadiu “o uso das enerxías renovables, a creación de novos espazos peonís e a creacións de zonas de paseo con sombra en todo o tecido urbano permitirán que Lugo contribúa a reducir a pegada de carbono ao mesmo tempo que melloramos a calidade de vida da veciñanza”.

Para o BNG é precisa unha visión transversal das políticas de xénero que segundo explicou Arroxo “terán presenza en todas as actuacións do goberno”. Outra das prioridades do BNG será a reestruturación dos servizos sociais que “teñen a mesma estrutura que deixou o BNG no ano 2006, cando Branca R. Pazos tivo reponsabilidade de goberno nesta materia” e precisan actualizarse para ser funcionais na actualidade.

En materia de cultura, o BNG continuará a mellorar as festas do San Froilán como a grande festa do outono galego e apostará consolidar as iniciativas postas en marcha neste mandato, como o Culturban, que puxo a Lugo no mapa do Muralismo, o Enredando co Galego, “unha das mellores promocións da nosa lingua”, ou a programación cultural estable, de calidade e cunha firme aposta polo tecido cultural local.

 

O BNG presenta o cartaz a utilizar en campaña para acadar a alcaldía da cidade de Lugo