ARROXO: "A CREACIÓN DO GRAN PARQUE CENTRAL PODE CREAR UN ESPAZO PEONIL DE MÁIS DE 27.000 METROS CADRADOS, CASE 3 HECTÁREAS"
Rubén Arroxo propuxo a creación dun carril soterrado que una a rúa Dinán con Anxo López Pérez

Arroxo: "A creación do Gran Parque Central pode crear un espazo peonil de máis de 27.000 metros cadrados, case 3 hectáreas"
"Deste xeito uniríase a Mosqueira, o centro da cidade, o Vello Cárcere e o Gran Parque Central cun espazo totalmente peonil", afirmou Rubén Arroxo
Lugo, 18 de febreiro de 2025. O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, ampliou a idea do Gran Parque Central de Lugo proposto polo BNG "recollendo o testemuño do consenso que sempre houbo entre a veciñanza para esta praza". Arroxo propuxo a creación "dun paso soterrado para vehículos" que una a rúa Dinán e a avenida Anxo López Pérez "eliminando na práctica o tráfico rodado, e permitíndonos contar cun novo espazo peonil de máis de 27.000 metros cadrados, case 3 hectáreas en total nun gran espazo peoonil que comeza na propia Muralla"
Segundo Rubén Arroxo, "cidades como A Coruña teñen exemplos de como soterrar o tráfico permite que o espazo antes ocupados polos coches poida ser desfrutado pola veciñanza sen ter que reubicar o tráfico". O portavoz do BNG afirmou que "esta solución debería poñerse enriba da mesa para este treito, o que permitiría tamén eliminar o tráfico que actualmente entra por Cidade de Vigo para entrar no aparcadoiro da praza da Constitución". Arroxo explicou que o paso soterrado se podería realizar "ao mesmo tempo que se realizan as excavacións do aparcadoiro deste parque".
A creación do Grande Parque Central no espazo de máis de 6.500 metros cadrados que agora ocupa a Estación de Atobuses creará en Lugo un gran nucleo verde a carón do centro da cidade, cunha extensión de máis de 27.000 metros cadrados contando con áreas de xogo infantil, un gran centro cultural como é o Vello Cárcere e lugares de convivencia.
O portavoz do BNG reclamou á Xunta de Galiza que elabore este proxecto "buscando consenso social e político", e afirmou que "coa renovación do espazo da actual Estación de Autobuses, a Xunta ten que aproveitar a oportunidade de demostrar que quere investir en Lugo e mellorar a cidade".
O BNG rexistou xa unha proposición para o vindeiro pleno onde insta á Xunta a estudar realizar un proxecto que convirta o espazo da Estación de Autobuses no gran parque central de Lugo.