A ÁREA DE MOBILIDADE FACILITARÁ UN SERVIZO ESPECIAL DE BUS URBANO QUE CONECTARÁ O CENTRO COA FEIRA O 22 DE FEBREIRO DE 2025
Rubén Arroxo e Cristina López presentan a Feira de Entroido de Nadela, que conta coa colaboración da Tenencia de Alcaldía

A área de Mobilidade facilitará un servizo especial de bus urbano que conectará o centro coa feira o 22 de febreiro de 2025
A feira contará cunha exposición elaborada pola área de Participación en colaboración coas veciñas e veciños
Lugo, 19 de febreiro de 2025. A Tenencía de Alcaldía do Concello de Lugo apoia a nova edición da Feira de Entroido de Nadela que se celebrará o vindeiro sábado 22. A través de dúas das súas concellerías, ofrecerá axudas para que "toda aquela persoa que o desexe poda acercarse gratuitamente ata Nadela para desfrutar dos produtos máis típicos da nosa gastronomía durante estas datas próximas ao Entroido", explicou a concelleira de Participación.
Para facilitar o desprazamento ata a Feira de Entroido de Nadela, a área de Mobilidade habilitará un servizo especial de bus urbano para conectar o centro da cidade con Nadela. O servizo será circular, partindo desde Ramón Ferreiro, diante do Instituto Feminino, e parando en Nadela, cunha frecuencia de 30 minutos. O primeiro servizo sairá ás 11:30 e os buses especiais rematarán ás 16:15.
A Tenencia de Alcaldía colabora tamén coa feira elaborando unha exposición fotográfica sobre a historia deste evento. Trátase de 40 fotografías recollidas por veciñas e veciños de Nadela, que van desde os anos 20 ata os anos 70, e que se poderán ver o sábado na carpa da feira.
Cristina López destacou o carácter tradicional desta feira que "ofrece unha variedade de exposición e venda de produtos da nosa terra". Para a concelleira, "as feiras de produtos tradicionais desempeñan un papel crucial na preservación da cultura e o patrimonio, ao tempo que fomentan o comercio local e a sostibilidade". Ademais, lembra Cristina López, ofrecen ás persoas que as visitan a oportunidade de coñecer tradicións arraigadas e produtos auténticos.