“O PP PARALIZOU PROXECTOS CUXA ELABORACIÓN XA ESTABA LICITADA, COMO A RECUPERACIÓN DO PAZO DE DONA URRACA”, EXPLICOU RUBÉN ARROXO
Rubén Arroxo: “a rehabilitación da Tinería leva paralizada 4379 días”
O portavoz do BNG lembrou que o proxecto foi iniciado cando o BNG estivo no goberno da Xunta “e foi abandonado coa chegada de Feijoo ao goberno”
Lugo, 24 de febreiro de 2021. Os concelleiros e concelleiras do BNG en Lugo visitaron o barrio da Tinería, onde afirmaron que o proxecto de rehabilitación iniciado polo BNG cando tivo responsabilidades de goberno na Xunta de Galiza leva 4379 días paralizado. O portavoz nacionalista, Rubén arroxo, explicou que “desde a volta do Partido Popular ao goberno galego paralizouse unha rehabilitación moi necesaria para o centro de Lugo”.
Rubén Arroxo explicou que “a chegada de Feijoo á Xunta de Galiza supuxo paralizar proxectos cuxa elaboración xa estaba licitada, como a recuperación do Pazo de Dona Urraca ou a escavación da UI-7, onde se atopan os fornos”. “As representantes do BNG no Parlamento Galego levan desde o ano 2009 esixindo á Xunta de Galiza que continúe este proxecto”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “estes proxectos teñen un gran potencial, dado que se poderían converter nun gran atractivo turístico para a cidade de Lugo”.
O proxecto comezado no bipartito polo BNG, cuxo investimento ascendeu a máis de 30 millóns de euros, gañou o Premio Dubai de Boas Prácticas da ONU. Rubén Arroxo criticou que “o estado no que se atopa esta zona da cidade, despois do impulso feito pola Consellería de Vivenda para rehabilitalo”, e comparouno “co impulso que desde o BNG estamos a facer no goberno do Concello de Lugo para mellorar a imaxe da Muralla”.
Novo Auditorio
O Portavoz Municipal do BNG explicou que “desde a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo estamos preparadas incluír o novo auditorio dentro da ampla oferta de actividades que achegamos desde a área de Cultura a toda a veciñanza de Lugo”. “Lugo xa conta cunha programación cultural de primeira calidade no auditorio municipal Gustavo Freire e no resto de instalacións municipais, e ampliarase unha vez solucionemos os importantes fallos técnicos que se atoparon no edificio que a Xunta entregou ao Concello”, afirmou Rubén Arroxo.