A OBRA DE PEONALIZACIÓN TRANSFORMA ESTA RÚA NUN ESPAZO DE PREFERENCIA PEONIL, INCLUÍNDO MELLORAS AMBIENTAIS E DE SERVIZOS

Rubén Arroxo reúnese coa veciñanza de Recatelo para informar sobre a reordenación do tráfico no Carril dos Loureiros

 

A obra de peonalización transforma esta rúa nun espazo de preferencia peonil, incluíndo melloras ambientais e de servizos

Arroxo: "Recatelo convértese así nun modelo de barrio sostible e participativo, cun espazo público de calidade pensado para as persoas"

Rubén Arroxo reúnese coa veciñanza de Recatelo para informar sobre a reordenación do tráfico no Carril dos Loureiros

 

 

Lugo, 6 de maio de 2025. O Tenente Alcalde e concelleiro de Mobilidade, Rubén Arroxo, acompañado co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, reuniuse novamente coas veciñas e veciños do Carril dos Loureiros, no barrio de Recatelo, para facer un seguimento das obras e explicar de primeira man a nova reordenación do tráfico na zona.

Durante o encontro, Arroxo informou da inminente finalización dos traballos e detallou o modelo de mobilidade que se implantará unha vez reaberto Carril dos Loureiros. O modelo consiste nunha plataforma única de preferencia peonil e velocidade limitada, con acceso restrinxido a vehículos de residentes, carga e descarga e servizos de emerxencia. "Isto garante a seguridade das persoas, reduce o tráfico innecesario e mellora a calidade de vida e o descanso da veciñanza", explicou o Tenente Alcalde.

Entre as medidas de control do tráfico, instalarase un lector de matrículas no punto de encontro entre a rúa Recatelo e o Carril dos Loureiros, que permitirá o acceso unicamente a persoas residentes e servizos previamente autorizados. Pola súa parte, no cruzamento entre Carril dos Loureiros e a rúa Vilalba permitirase a entrada de residentes, servizos e vehículos de emerxencia sen necesidade de control automatizado mediante lector de matrículas.

Rubén Arroxo insistiu en que "ambos os puntos estarán debidamente sinalizados para garantir unha correcta interpretación das normas de acceso e facilitar a convivencia no novo modelo de mobilidade".

O proxecto supón a transformación de Recatelo nun espazo máis humano e sostible. Ao longo dos últimos meses, rexecutáronse renovacións nas infraestruturas soterradas, incluíndo as redes de abastecemento e saneamento, instalouse alumeado LED de baixo consumo e está en marcha a plantación de nova vexetación, que achegará sombra e confort térmico durante os meses máis calorosos.

"A renovación de Recatelo foi concibida desde o principio como un proceso dialogado, e así o mantivemos con múltiples xuntanzas, visitas de obra e canles abertas coa veciñanza. Estamos moi satisfeitos coa colaboración e co resultado", destacou Arroxo.

A intervención no Carril dos Loureiros, cun investimento de 367.346,38 euros, foi executada pola empresa Construcciones Sanle SA. Esta obra vén consolidar Recatelo como unha zona de paso estratéxica e de lecer, que conecta o centro histórico co Parque de Rosalía de Castro, nun modelo que prioriza a mobilidade peonil e mellora a calidade de vida no corazón da cidade.

Rubén Arroxo reúnese coa veciñanza de Recatelo para informar sobre a reordenación do tráfico no Carril dos Loureiros