OS CONCERTOS, QUE SE CELEBRARÁN OS DÍAS 5 E 8 DE XUÑO NO AUDITORIO FUXAN OS VENTOS, CONTARÁN COA PARTICIPACIÓN ESPECIAL DE FAIA E DE NINGHURES

Fuxan os Ventos volta aos escenarios da man do Concello de Lugo no auditorio que honra o seu legado

Os concertos, que se celebrarán os días 5 e 8 de xuño no Auditorio Fuxan os Ventos, contarán coa participación especial de Faia e De Ninghures

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro acompañaron ao grupo na presentación, destacando o seu compromiso coa cultura galega

Fuxan os Ventos volta aos escenarios da man do Concello de Lugo no auditorio que honra o seu legado

 

Lugo, 5 de maio de 2025. O Concello de Lugo presentou esta mañá, no Auditorio Fuxan os Ventos, os concertos especiais que a histórica formación galega ofrecerá os días 5 de xuño ás 20.30 horas e o 8 de xuño ás 20.00 horas, nun espazo que simboliza a fonda pegada cultural do grupo na cidade. Os eventos contarán coa colaboración de dous destacados nomes da nova escena galega: Faia e De Ninghures.

No acto participaron o Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e membros de Fuxan os Ventos, que manifestaron a súa emoción por volver aos escenarios.

“É un orgullo para nós anunciar estes concertos aquí, no auditorio que leva o nome dun grupo que forma parte da alma cultural de Lugo e de Galiza. Fuxan os Ventos non é só música, é identidade, memoria e resistencia cultural”, destacou Rubén Arroxo.

Pola súa banda, Maite Ferreiro sinalou: “Desde a área de Cultura seguimos a traballar para que Lugo sexa referente da música galega. Estes concertos non só celebran unha traxectoria, senón tamén o relevo xeracional, coas voces de Faia e De Ninghures enriquecendo o escenario”.

Fuxan os Ventos, grupo fundado en 1972, foi unha das referencias máis importantes da música tradicional galega, cunha proposta que combinou compromiso social, recuperación do patrimonio oral e unha sonoridade que marcou época. Os concertos anunciados ofrecerán un repertorio coas súas cancións máis emblemáticas, ademais dalgunha sorpresa e colaboracións especiais.

“Volver a Lugo, á casa, e cantar neste auditorio é un soño. Queremos compartir co público todo o que esta música nos deu durante máis de cinco décadas”, comentou un dos membros históricos da banda.

As entradas sairán á venda este venres ás 16:00 horas na plataforma entradaslugo.es, cun prezo único de 10 euros. Tamén poderán mercarse na Oficina de Turismo e nas instalacións do Vello Cárcere.

A Tenencia de Alcaldía quixo facer un chamamento á veciñanza e ao público galego para que non perdan esta oportunidade única de revivir en directo unha parte esencial da historia da nosa música.

Fuxan os Ventos volta aos escenarios da man do Concello de Lugo no auditorio que honra o seu legado