ARROXO: "PARA CONSTRUÍR UNHA MOBILIDADE ALTERNATIVA É NECESARIO TAMÉN FACILITAR AO MÁXIMO O A ACCESIBILIDADE ÁS PERSOAS CON PROBLEMAS DE MOBILIDADE, TRABALLO QUE DESDE A TENENCIA DE ALCALDÍA REALIZAMOS EN TODAS AS ACTUACIÓNS"

Rubén Arroxo reúnese con integrantes da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade

Arroxo: "Para construír unha mobilidade alternativa é necesario tamén facilitar ao máximo o a accesibilidade ás persoas con problemas de mobilidade, traballo que desde a Tenencia de Alcaldía realizamos en todas as actuacións"

O Tenente Alcalde uniuse á campaña de COGAMI que reclama aumentar a accesibilidade no transporte interurbano, e destacou que "o transporte público municipal é totalmente accesible, apoiamos as reclamacións deste colectivo para garantir a accesibilidade tamén no transporte interurbano"

Rubén Arroxo reúnese con integrantes da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade

 

 

Lugo, 14 de novembro de 2024. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, mantivo unha xuntanza xunto con integrantes de COGAMI para analizar as necesidades da cidade en canto a accesibilidade. Arroxo destacou que "nos últimos anos, desde as áreas da Tenencia de Alcaldía traballamos para construír unha cidade amable coas persoas baseada nunha mobilidade alternativa que permita ás veciñas e veciños deixar o coche na casa", e engadiu "neste proceso é preciso facilitar ao máximo a accesibilidade a todas as persoas con problemas de mobilidade".

Rubén Arroxo afirmou que "é necesario continuar a traballar por un concello inclusivo, no que todas as persoas teñan unha vida o máis normal posible, independentemente das súas capacidades físicas", e puxo en valor o traballo executado pola Tenencia de Alcaldía no Goberno de Lugo. "Na planificación da cidade sempre temos en conta cuestións importantes para toda a veciñanza de Lugo, entre estas cuestións destacan a accesibilidade e a perspectiva de xénero para facer de Lugo un lugar amable e accesible", explicou Rubén Arroxo.

O Tenente Alcalde destacou a importancia de traballar pola accesibilidade en todos os eidos. Neste sentido, amosou o seu apoio á campaña que está a levar adiante COGAMI reclamando maior accesibilidade no transporte público interurbano. Segundo Rubén Arroxo, "todos os buses urbanos do Concello de Lugo contan con medidas para garantir a accesibilidade de todas as persoas, apoiamos a COGAMI na súa reclamación para que o transporte interurbano conte con vehículos que garantan a accesibilidade de todas as persoas con mobilidade reducida". 

A través desta campaña COGAMI reclama a accesibilidade universal en infraestruturas e vehículos, incluíndo a dispoñibilidade de puntos de recarga para dispositivos médicos esenciais como os equipos de oxíxeno líquido, fundamentais para persoas con discapacidade orgánica que requiren apoio respiratorio.  Baixo o lema “Teletransporte contra a discriminación”, esta campaña conta cunha reivindicación moi clara: “Ata que o teletransporte sexa viable, que polo menos os transportes habituais cumpran as leis de accesibilidade”.

Rubén Arroxo reúnese con integrantes da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade