Rubén Arroxo: "seguiremos a reforzar a brigada municipal de obras a partir do 28 de maio"
O candidato do BNG destacou que neste mandato “reforzamos o persoal da brigada, chegando a 9 traballadores que dan un importante servizo a toda a veciñanza”
A Brigada de Obras realiza pequenos arranxos na vía pública, como renovar baldosas ou mobiliario urbano
Arroxo: “co carril bici mantivemos unha postura coherente desde o ano 2015”
Lugo, 21 de abril de 2023. O candidato do BNG á Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que a partir do 28 de maio “desde o BNG seguiremos a reforzar á brigada municipal de obras”, un servizo público que, segundo Arroxo “da un gran servizo á veciñanza, atendendo de xeito rápido ás pequenas incidencias do día a día nas rúas”. Arroxo destacou que no presente mandato, co BNG á fronte da concellería de Infraestruturas Urbanas, a brigada xa foi reforzada, chegando a contar con 9 traballadores.
“Esta brigada realiza unha importante labor de reparación nas distintas infraestruturas do concello e no mantemento da cidade", explicou Arroxo, que engadiu "moitas veces trátanse de pequenos arranxos, aos que desde a brigada municipal de obras se da unha resposta no menor tempo posíbel para garantir o bo estado da cidade".
Arroxo afirmou que “seguiremos apostando polos servizos públicos no vindeiro mandato”, e destacou á brigada de obras como “un servizo que será reforzado para conseguir atender máis rápido todas as solicitudes da veciñanza”
Carril Bici
Ante a polémica do carril bici, Rubén Arroxo afirmou que “no BNG mantemos a mesma postura que no ano 2015, cando se comezou a falar da creación dun carril bici en Lugo, ou no 2016 cando se solicitaron os fondos europeos”. Arroxo declarou que “no BNG apostamos por calmar o tráfico e facilitar a convivencia entre bicicletas e vehículos”.
Arroxo lembrou que o BNG xestionando a área de mobilidade habilitou preto dun cento de elementos de calmado de tráfico por todo o trazado urbano de Lugo. "Hai que investir os cartos en avanzar na peonalización pero non en crear infraestructuras obsoletas como o carril bici", sinalou Arroxo, que afirmou "no noso modelo de mobilidade para Lugo as bicicletas son parte da paisaxe, non hai que encarceralas nun carril bici".