O PORTAVOZ DO BNG DEFENDEU ANTE OS VECIÑOS PRESENTES NO PLENO MUNICIPAL QUE "A XUNTA O QUE TEN QUE FACER É PARALIZAR ESTE PROXECTO"
Rubén Arroxo: "Traballamos para que a planta de biometano de Coeses non cause molestias a ningún veciño de Lugo"
O portavoz do BNG defendeu ante os veciños presentes no pleno municipal que "a Xunta o que ten que facer é paralizar este proxecto"
Arroxo criticou que o PP presentase unha proposición para buscar unha ubicación alternativa á planta
Lugo, 28 de novembro de 2024. O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou ante as veciñas e veciños de Coeses concentrados diante do Concello que o BNG seguirá a traballar "para parar o proxecto de planta de biometano sen que cause problemas a ningún veciño de Lugo". O BNG defendeu que a mellor opción é paralizar este proxecto, e criticou que o Partido Popular defenda hoxe un traslado de ubicación da planta, "isto sería quitar o problema dunha zona para crearllo a outros veciños", afirmou Arroxo.
O BNG defende que a Xunta debe retirar a clasificación de iniciativa empresarial prioritaria á planta de biometanización de proxectada en Coeses. Arroxo explicou que esta declaración permite "reducir á metade os trámites administrativos necesarios para a construcción desta planta, trámites como a Avaliación de Impacto Ambiental faranse pola vía rápida se a Xunta mantén esta declaración", e engadiu "isto fíxose aínda cun proxecto que recoñece que emitirá cheiros e gases contaminantes á veciñanza da contorna".
A empresa recoñece no seu proxecto para a construcción da planta que emitirá cheiros e gases contaminantes e o verquido de 76,7 m³ de augas residuais ao regato de Vilalbite con posterior deprazamento ao río Miño. O tratamento destas augas foi considerado ineficiente por parte da CHMS, o que fixo que este proxecto fose informado desfavorablemente dado que este regato conta con pouco caudal de auga, especialmente nos meses estivais.