Aprobada por unanimidade a iniciativa do BNG para que Correos abra unha oficina de atención ao público na nova nave do Parque Empresarial das Gándaras
Arroxo: "Recollemos a proposta que CIG-Correos presentou á empresa pública, esta nova oficina permitiría unha mellor atención ás empresas que xa traballan con Correos e que están no Ceao ou nas Gándaras"
O novo centro loxístico de Correos, en funcionamento desde o 21 de outubro, concentra as unidades de reparto da cidade de Lugo, incluíndo á zona rural, paquetería e notificacións
28 nov. 2024 - 11:36
Lugo, 28 de novembro de 2024. O Pleno Municipal aprobou por unanimidade a proposición do BNG para reclamar a Correos que abra unha oficina de atención ao público no novo Centro Loxístico aberto no Parque Empresarial das Gándaras. O portavoz do BNG no Concello, Rubén Arroxo, explicou que o BNG recolle "a proposta que xa foi trasladada en múltiples ocasións pola CIG-Correos á empresa pública, e que permitiría mellorar a calidade dun servizo público como o postal".
O novo centro de Correos, que conta cunha superficie de 3.250 metros cadrados, leva en funcionamento desde o pasado 21 de outubro concentrando a todas as unidades de reparto da empresa pública para a cidade de Lugo, incluíndo ás unidades de reparto da zona rural, paquetería de gran tamaño e notificacións.
Non contar cunha oficina de Atención ao Público merma a calidade do servizo prestado por Correos, ao contar os parques empresariais do Ceao e As Gándaras con centos de traballadores e empresas que poderían recibir atención nesta ubicación, aumentando potencialmente a carteira de clientes de Correos, sendo moitas as empresas de ambos parques empresariais as que traballan con esta empresa.